BNG urxe convocar a Mesa de ENCE para buscar alternativas fora da Ría de Pontevedra

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego reclama colaboración a todas as administracións públicas implicadas para manter a actividade e pechar o ciclo produtivo na Galiza, garantindo a continuidade dos postos de traballo nunha localización alternativa fora do dominio público marítimo.

BNG chama ao Goberno do Estado a convocar a Mesa de Traballo para buscar fórmulas que dean continuidade aos postos de traballo e ENCE, en coordinación coas distintas administracións públicas implicadas, após a primeira xuntanza o pasado 21 de abril. A formación nacionalista propón aprobar un calendario de actuacións para que, Xunta e Goberno do Estado, dean solucións para que a actividade industrial continúe.

O pasado 15 de xullo, na Sala do contencioso administrativo da Audiencia Nacional, anulábase a prórroga da concesión de Costas da que ENCE gozaba desde o 2016 e que lle permitiu seguir en Lourizán máis tempo do que o título orixinal estabelecía. A resolución destaca que a localización actual da pasteira en dominio público marítimo terrestre non se xustifica, xa que non precisa de acceso á lámina de auga, polo que non precisa instalarse en dominio público marítimo terrestre.

“A sentenza vén dar a razón aos distintos colectivos, organizacións e institucións que defenderon nos últimos anos a saída da fábrica da Ría” destaca o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. Con todo, o traslado da fábrica abre unha serie de incógnitas e incertezas sobre a continuidade da actividade e, polo tanto, tamén os postos de traballo. “É preciso que o Goberno do Estado convoque a Mesa de traballo sobre ENCE e que se aprobe un calendario para que, conxuntamente entre todas as administracións implicadas, cheguen a unha solución e dea continuidade aos postos de traballo e á actividade industrial” reivindica Rego.

A Mesa, constituída o pasado 21 de abril a iniciativa da Confederación Intersindical Galega (CIG), aínda non tivo outra xuntanza posteriormente e, agora, despois da resolución da Audiencia Nacional urxe abordar o traslado inmediato de ENCE e a instalación da planta nunha localización adecuada para “garantir a continuidade real dos postos de traballo e sentar as bases dunha industria da madeira que complete os procesos produtivos na Galiza” declara o deputado nacionalista.

“Debe actuarse de forma urxente e pór as medidas para evitar que o resultado final deste conflito sexa inxusto, unha vez máis, para a clase traballadora e o conxunto da Galiza. Debe lembrarse que a ENCE ten beneficios millonarios, pero aínda así non adoptou as medidas necesaria para pór en marcha o traslado das instalacións actuais e non fixo os investimentos que permitirían pechar todo o ciclo produtivo do papel, o que xeraría o triplo do emprego actual e minimizaría o dano ambiental e social” lembra o deputado nacionalista.

Debe inverterse a situación actual, garantindo que a riqueza forestal de Galiza se poña ao servizo da creación de emprego digno e dun desenvolvemento industrial sustentábel. “O forestal é un sector estratéxico que non pode depender das decisións de empresas privadas, necesita o impulso de políticas públicas” conclúe Rego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG