BNG urxe atender á realidade do sector gandeiro galego no novo RD sobre as explotacións bovinas

Néstor Rego
Néstor Rego

O deputado do BNG cualifica como “centralista e uniformizadora” a normativa presentada polo executivo e alerta das consecuencias negativas que suporía para o sector galego se o Ministerio non rectifica

Néstor Rego: “É imprescindíbel que se recolla unha regulación máis diferenciada que atenda aos requisitos dos sistemas extensivo e intensivo, tal e como demanda o sector, e que se corrixa a obriga de manter unha distancia de 500 metros”

BNG urxe atender á realidade do sector gandeiro galego no novo RD sobre as explotacións bovinas

O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistra iniciativas no Congreso para que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación incorpore no texto proposto para o Real Decreto as características e estruturas propias das explotacións bovinas galegas. A formación nacionalista reclama que se corrixa o borrador, respectando as competencias na materia da Xunta da Galiza, e que se estabeleza unha clara diferenza entre os requisitos e as condicións que exixen ás explotación en intensivo e extensivo, así como polo tipo de actividade e o tamaño da mesma.

Tras a publicación, por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do borrador do Proxecto do Real Decreto polo que estabelece as normas básicas de ordenación das explotacións bovinas, a formación nacionalista exixe que atendan as alegacións e demandas do sector para adaptalo á realidade galega. De non corrixirse esta medida, as e os gandeiros galegos verán dificultada a súa actividade aínda máis, con maior burocracia e regulamentación.

“Trátase dunha normativa de corte plenamente centralista e uniformizadora que invade competencias dos territorios como o galego. Porén, a normativa, a pesar de recoller unha serie de exixencias e requisitos de funcionamento nas explotacións de vacún, non estabelece unha diferenciación clara e concreta entre as granxas de intensivo e as de pastoreo en extensivo” recrimina Rego. Resulta evidente, explicou, que o equipamento, manexo e mesmo a xestión dos animais son diferentes nestes dous tipos de explotacións.

Da mesma maneira, tampouco diferencia entre os criadeiros, cebadeiros, as granxas de carne ou as produtoras de leite. “É imprescindíbel que se recolla unha regulación máis diferenciada que atenda aos requisitos dos sistemas extensivo e intensivo, tal e como demanda o sector” enfatiza o deputado do BNG.

“Resulta completamente incompresíbel, e suporía un total desastre para o sector gandeira de vacún da Galiza, que se manteña a previsión do actual borrador de exixir a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación ou a outras explotacións para a apertura de novas explotacións” subliña Rego. Coa dispersión de poboación que existe na Galiza é practicamente imposíbel cumprir esta exixencia polo que dificultaría a apertura de novas granxas e a incorporación de gandeiros e gandeiras mozas ao sector. Así mesmo, esta distancia suporía engadir novas dificultades como é o acceso a servizos básicos tales como a auga e a luz, o que implicaría un sobre custo ás novas explotacións. “O obxectivo debe ser promover a remuda xeracional e a revitalización do sector, porén, de manterse o texto, só se conseguirá afondar aínda máis no abandono do rural galego” remarca o Deputado nacionalista.

Para a organización frentista, resulta evidente que o Real Decreto tamén ten que modificarse e atender ás características propias das explotacións da Galiza “que se diferencian polo seu tamaño, o tipo de terreo e a orografía, o tipo de pasto e mesmo a súa integración no territorio”. A norma non pode tratar por igual a unha macro-granxa que a unha pequena explotación de pastoreo sostíbel e que garanta o benestar animal.

“O proxecto, en definitiva, non está tendo en conta as consecuencias negativas e as dificultades que impón ao sector agro-gandeiro galego. Por este motivo, o Ministerio ten que rectificar e modificar o borrador para que Galiza non saia novamente prexudicada con outra norma centralista e uniformizadora” conclúe o deputado, Néstor Rego.




 

BNG urxe atender á realidade do sector gandeiro galego no novo RD sobre as explotacións bovinas