Parlamento Galego

BNG urxe ao PP na Xunta implicación na posta en marcha do transporte metropolitano en Ourense, prometido hai décadas

Iago Tabarés
Iago Tabarés

Iago Tabarés critica as liortas “entre socios” de DO na alcaldía e do PP na Deputación, mentres a Xunta “non sabemos nin que fixo”

Insistiu en que a Xunta comprometa prazos e orzamento para que a veciñanza de Ourense non teña que esperar outros trinta anos máis  

O deputado do BNG, Iago Tabaŕes reclamou no Parlamento explicacións ao PP na Xunta sobre o atraso “inaceptable” na implementación do transporte público metropolitano na área de Ourense,  un proxecto que leva máis de vinte anos prometido e que segue no mesmo punto no que estaba en 2009.

“Nin sabemos cal é o estado real da tramitación, nin cal é o compromiso económico e técnico da Xunta. É intolerable que despois de tantos anos sigamos preguntando o mesmo que en 2009”, expresou Tabarés, quen pediu á Xunta “que deixe de xogar co futuro da mobilidade en Ourense e dea pasos firmes e concretos para garantir un transporte público metropolitano digno, eficiente e sustentábel, como o teñen o resto das cidades galegas”.

Tabarés lembrou que aquela primeira pregunta presentada polo BNG en novembro de 2009, sobre o mesmo asunto, xa advertía da parálise dun proxecto “que estaba avanzado en 2008, a piques de facerse realidade”, mais “como tantos outros” asuntos relevantes para Ourense, o cambio de goberno e de políticas deixou no limbo.

“Ata aquí chegamos”, expresou, lembrando que o proxecto foi ideado en 1995 e apuntando como unha das causas deste retraso as “liortas entre os socios de Democracia Ourensá (DO) na alcaldía e do PP na Deputación, que se botan as culpas uns a outros, mentres a Xunta “non sabemos nin que fixo”, criticou.

Durante a súa intervención na Comisión 1ª, o deputado nacionalista explicou que o proxecto da área metropolitana de Ourense abrangue 15 concellos, cunha superficie próxima aos 900 quilómetros cadrados e que atinxen 150.000 habitantes, dos cales máis dunha terceira parte supera os 65 anos. “Trátase dunha poboación que precisa moverse para acceder a servizos básicos, acudir a consultas médicas, realizar trámites administrativos, estudar ou chegar ao seu posto de traballo, pero que carece dun sistema público de mobilidade digno”, advertiu.

Tabarés puxo de relevo que na comarca de Ourense se estiman 20.000 desprazamentos diarios, e que malia iso, “a falta de frecuencias, horarios axeitados e conexións obriga á cidadanía a depender do vehículo privado, nun contexto no que o 30% da poboación non dispón de coche”. A situación complícase aínda máis, lembrou, porque Ourense posúe o parque móbil máis vello do Estado, con máis de dous terzos dos vehículos superando os 15 ano de antigüidade, e un 15% supera os 30, o que, segundo advertiu, “agravará os problemas de mobilidade coa entrada en vigor das zonas de baixas emisións”.

Para o deputado nacionalista, o transporte metropolitano “non é só unha cuestión ambiental, senón de igualdade, cohesión territorial e acceso a dereitos sociais básicos”. Lembrou tamén que, tras múltiples anuncios e plans non concretados —como o plan de transporte metropolitano, a integración tarifaria ou a reforma das concesións— “chegamos a finais de 2025 e Ourense segue igual: sen transporte metropolitano”. “Existe comunicación entre a Xunta e o Concello de Ourense?”, preguntou á directora xeral de mobilidade do Goberno galego, Judit Fontenla.

O deputado do BNG subliñou que o pleno da Deputación de Ourense aprobou en marzo de 2024 por case unanimidade (coa única abstención de Democracia Ourensana) unha moción para impulsar, en coordinación coa Xunta, a posta en marcha inmediata deste servizo en condicións de igualdade coas outras áreas urbanas galegas, e crear un comité técnico-político con representación de todos os concellos implicados. “A realidade é que o comité apenas se reuniu en catro ocasións e todo segue bloqueado entre anuncios contraditorios, atrasos e falta de vontade política”, indicou.

“Vai a Xunta de Galiza pagar o 80% dos custos que terá a implantación da área metropolitana de Ourense, como xa dixera hai uns anos?” preguntou, reclamando prazos para que non teñamos que seguir esperando 30 anos máis”, rematou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG