BNG urxe ao PP a rectificar publicamente tras negar as mortes derivadas da represión franquista en San Simón

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará cualifica de “extrema gravidade” negar a verdade histórica e tilda as declaracións de “ofensa” á memoria dos presos e mortos na illa

Santiago de Compostela, 16 xaneiro 2025. O deputado do BNG Luís Bará solicitou este xoves a través dunha batería de iniciativas parlamenatarias unha rectificación pública e inmediata por parte do PP despois de que un dos seus deputados negase o mércores na Comisión 1ª as mortes derivadas da represión franquista na illa de San Simón.

En caso contrario, pide a dimisión do deputado popular José Luís Ferro Iglesias, autor das graves declaracións de onte que constitúen unha grave ofensa a centos de vítimas e ás súas familias.

O Deputado nacionalista sinalou que se que se trata dunhas declaracións de “extrema gravidade”, polo que supoñen de negación da verdade histórica e porque son “unha grave ofensa” á memoria das máis de 6000 persoas que sufriron prisión en San Simón e ás máis de 500 que morreron na illa de fame ou enfermidade (están documentadas 482 por estes motivos) ou que foron sacadas da illa para ser asasinadas.

 Subliña, neste sentido que tanto as investigacións dos historiadores redondeláns Gonzalo Amoedo e Roberto Gil, autores do libro Episodios de terror durante a guerra civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón, como os datos recompilados na web do Proxecto Nomes e Voces acreditan unha verdade histórica que o PP “pretende ocultar”.

Para o BNG as declaracións do representante do PP son consecuencia do desprezo e desinterese con que o PP actúa en relación coa memoria. Segundo Bará, “ademais de negarse a desenvolver políticas de memoria histórica, ocultan e negan unha realidade que é moi dolorosa para centos de familias cuxos familiares sufriron cadea en San Simón e que foron enterrados en foxas anónimas”.

Por este motivo, na iniciativa rexistrada hoxe, o BNG pide tamén a Xunta colabore na declaración de San Simón como lugar de memoria, impida a organización de actividades ofensivas para a memoria das vítimas da represión franquista, e desenvolva na illa unha programación estable que investigue e dea a coñecer, especialmente a escolares, a historia do campo de concentración e os ideais que defendían as persoas que foron encarceradas na illa.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG