BNG urxe ao Goberno medidas para frear a escalada de prezos e a perda de poder adquisitivo

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego anuncia que trasladará o paquete de medidas do BNG na reunión da próxima terza feira con representantes do Goberno do Estado, advertindo que o día 29 “xa será tarde” para actuar

“O Goberno parece non ter présa. Está máis centrado en buscar culpábeis fóra que en exercer as súas responsabilidades e levar a cabo actuacións decididas e eficaces” critica o deputado

Ámbito fiscal, sector eléctrico, salarios, prestacións sociais, axudas para o sector primario e control do prezo dos hidrocarburos: eidos que contempla o paquete de medidas proposto polo BNG

O deputado do BNG, Néstor Rego, critica a parálise do Goberno do Estado ante a escalada descontrolada dos prezos e a perda de poder adquisitivo da cidadanía. Avanza o paquete de medidas que defende a organización nacionalista ante a grave situación para enfrontala a través de actuacións no sector eléctrico, medidas fiscais, a suba de pensións, salarios e prestacións sociais, así como o control do prezo dos hidrocarburos e axudas ao sector primario. Destaca tamén medidas de impacto no ámbito do xénero e na mocidade, tendo en conta a fenda salarial e o apoio no acceso á vivenda.

“O Goberno do Estado parece non ter présa. Está máis centrado en buscar culpábeis fóra que en exercer as súas responsabilidades e levar a cabo actuacións decididas e eficaces” comeza a intervención Rego sinalando diante da escalada de prezos o anuncio do executivo é que  tomarán medidas o día 29 de marzo. O deputado nacionalista expón que estamos ante unha situación grave “con folga de transportistas, actividades paralizadas como o sector da agricultura a gandaría ou a pesca” este último exemplificado co anuncio do sector pesqueiro vigués a semana pasada de que os barcos non sairían a faenar.

Rego sinala que mesmo dentro da Unión europea outros estados están adoptando medidas urxentes, e sinalou o caso de Francia. “Onte mesmo, o Primeiro Ministro francés anunciaba un paquete de medidas que implicaba axudas aos consumidores finais, na enerxía eléctrica e o gas, a industria francesa, e o sector primario, que entran en vigor hoxe mesmo.” enumera o deputado nacionalista.

Neste sentido, o BNG presenta un paquete de medidas urxentes para que os gobernos comecen a traballar desde xa. Medidas que o deputado nacionalista trasladará na reunión que manterá a vindeira terza feira, 22 de marzo, co Ministro de Presidencia e as Vicepresidentas 1ª e 2ª do Goberno. “Aínda sendo esta xuntanza unha semana antes da data que o Goberno anunciou para tomar medidas, xa se vai tarde para afrontar esta grave situación, polo que reclamamos que actúen xa.” lamenta.

Rego salientou que, no ámbito fiscal, ademais da necesidade dunha profunda reforma das políticas fiscais para conseguir que pague máis quen máis ten, son precisas medidas urxentes como a deflación da tarifa do IRPF, aumentar o imposto de sociedades ou o de Patrimonio a partir de 1 millón de euros para dotalos de maior progresividade. En paralelo, o BNG ve preciso “unha baixada selectiva do IVE ao tipo superrreducido de 4%  de determinados bens e servizos como os alimentos, produtos do mar, produtos de hixiene e hixiene feminina, transporte público ou servizos esenciais como o gas e a electricidade .

No sector eléctro, o deputado do BNG defende que é precisa a intervención pública do mercado para botar man dos beneficios “chovidos do ceo” das eléctricas e para o control dos prezos e a garantía de acceso á enerxía como un ben básico. Rego cualifica como “roubo organizado e legalizado” o sistema marxinalista, polo que se paga sempre en función do modo de xeración máis caro, que reporta lucros multimillonarios ao lobby eléctrico. Tamén, desvincular o mecanismo de fixación dos prezos da electricidade no mercado maiorista da evolución do prezo do gas nos mercados internacionais e mudar o sistema de pool.

Alén do máis, reclama o impulso de medidas urxentes para a contención da crise da industria electrointensiva, “a través dunha tarifa estábel que garanta prezos máximos a medio prazo” e a aplicación dunha Tarifa Eléctrica Galega a través do abaratamento das peaxes de transporte “por sermos un País produtor e excedentario de enerxía eléctrica”. Destaca a creación de empresas públicas que comecen a xestionar os saltos hidroeléctricos e parque eólicos.

Por outra banda, a organización nacionalista defende “a suba das pensións mínimas e os salarios mínimos até 60% do Salario Medio tal e como recolle a Carta Social Europea” e a suba dos salarios co IPC. De maneira inmediata, medidas como a suba de prestacións social tales como o Ingreso Mínimo Vital (IMV) e outras de competencia galega como a RISGA, e mesmo a ampliación do bono social e o bono eléctrico que dependen directamente do Estado español, todas eles medidas para evitar que a escalada de prezos “derive nun empobrecemento extremo das clases populares e dos sectores máis vulnerábeis”, sinala Rego.

“É preciso un control  do prezo dos hidrocarburos con medidas como a redución temporal dos impostos a estes combustíbeis, así como fixación de prezos máximos para a súa comercialización” destaca o deputado nacionalista. É necesario controlar e estabilizar o prezo e mesmo axudas para os sectores agrícola, gandeiro e pesqueiro, que se están a ver gravemente afectados. Aliás, reclama que o Goberno “controle o cumprimento das previsións da Lei de Cadea Alimentaria de non poder vender por debaixo dos custos de produción”.

Sinala a posición vixiante da organización nacionalista nesta situación e urxe a necesidade de tomar medidas que mitiguen “o impacto no ámbito do xénero, tendo en conta a fenda existente, e na mocidade, con medidas de apoio para o acceso á vivenda”. Rego conclúe cualificando como “inxustificábel a actitude do Goberno do Estado, intentando eludir responsabilidades. É inadmisíbel que o executivo continúe parado ante esta situación”.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG