BNG urxe ao Goberno do Estado a incluír a parada de Vilagarcía no novo tren directo Vigo-Madrid

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego reclama a mellora na comunicación ferroviaria de Vilagarcía de Arousa  e que non se lle exclúa neste traxecto.

BNG exixe que se aposte pola interconexión das vilas e cidades da Galiza para crear un servizo de tren de proximidade agora inexistente.

O deputado do BNG, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado que incorpore a parada de Vilagarcía de Arousa no novo tren directo que conecta Vigo con Madrid. Así mesmo, a organización frontista lembra a urxencia de mellorar as conexións e recuperar todas as frecuencias suspendidas durante o estado de alarma debido á redución da mobilidade que aínda non foron repostas.

O anuncio de Renfe deixa fora a parada de Vilagarcía de Arousa na conexión de Vigo a Madrid o que afectará de maneira grave á mobilidade e ao desenvolvemento económico de toda a comarca do Salnés. Este tren directo non entrará na estación de Santiago de Compostela, mais a decisión de suprimir a parada de Vilagarcía só reduce o tempo do traxecto en 5 minutos.

“É necesario que Renfe e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana rectifique para non excluír a parada na capital arousá dentro dese novo traxecto que unirá Vigo e Madrid a partir do 14 de xuño” reivindica o deputado nacionalista. Nas súas verbas “debe manterse un servizo que beneficia tanto á poboación da vila como a toda a súa área de influencia, isto é, a todo o Salnés, Caldas, o Baixo Umia e mesmo a Barbanza”. A parada do tren a Madrid en Vilagarcía foi recuperada fai tan só oito meses despois de décadas sen esta conexión “porén, agora que se amplía e Renfe anuncia un novo tren, decídese eliminar a capital arousá da liña, non pode entenderse ese paso atrás, para aforrar só cinco minutos”.

Por este motivo, o BNG rexistra iniciativas instando ao Goberno do Estado a rectificar para manter a parada en Vilagarcía tamén no novo servizo, “lograríase así que a vila contase con dúas frecuencias, “unha ás seis da mañá e outra ao redor das nove e media, o que suporía un avance nas conexións ferroviarias para as 150.000 persoas que residen na súa área de influencia”.

Alén do máis, o deputado do BNG no Congreso lembra que “O Ministerio de Transportes ten pendente un compromiso adquirido con Galiza, a modernización das conexións ferroviarias entre as vilas e cidades galegas, para crear unha verdadeira rede de proximidade agora inexistente”. “As inversións ferroviarias do Estado nos últimos anos centráronse case exclusivamente na conexión con Madrid, mentres o resto da rede viaria segue sen modernizarse. É urxente modernizar a conexión A Coruña – Ferrol, A Coruña – Lugo e Vigo – Fronteira portuguesa. Débese electrificar o tramo Ourense – Lugo, e converter a liña de FEVE nun tren do século XXI” subliña o deputado nacionalista. “Ademais debe completar a conexión ferroviaria dos portos exteriores de Ferrol e Coruña e abordar o Corredor Atlánticos de mercadorías, pois cun servizo ferroviario adecuado Galiza mellorará a súa competitividade económica e empresarial e poderá contar cun trasporte de persoas e de mercadorías máis sustentábel”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG