BNG urxe ás administracións a dar resposta as demandas do sector pesqueiro e marisqueiro do Morrazo

Encontro pesca Bueu
Encontro pesca Bueu

Ana Miranda, Rosana Pérez, Carmela González e Paulo Ríos desenvolveron unha xornada de traballo en Moaña, Cangas e Bueu

A delegación nacionalista instou ao goberno galego a exercer as súas competencias “e non botar balóns fóra”

Unha delegación do BNG, -integrada pola portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda e as deputadas da Comisión de Pesca do BNG no Parlamento Galego, Rosana Pérez e Carmela González, e o deputado Paulo Ríos- desenvolveu unha xornada de traballo no Morrazo con representantes do sector pesqueiro e marisqueiro. Nos encontros trataron os diferentes problemas que vive o sector, causados polo aumento de prezos do combustibles e das materias primas, tanto a raíz da pandemia como da invasión rusa na Ucraína, pero tamén pola ineficiencia e inacción das administracións.

“No Morrazo o sector do mar é un sector estratéxico que presenta unhas demandas que as administracións, tanto a Xunta, como o goberno do Estado e a Unión Europea, non están resolvendo”, manifestou Paulo Ríos. Neste sentido, Ana Miranda salientou o traballo que Rosana Pérez e Carmela González están levando a cabo no Parlamento Galego a respecto do sector pesqueiro, así como o apoio amosado desde a alcaldía de Moaña, encabezada por Leticia Santos, e a alcaldía de Bueu, a cargo de Félix Juncal. Ademais, avanzou que todos os temas que afecten á pesca e ao marisqueiro serán levados á Comisión de Pesca do Parlamento Europeo.

Segundo denunciou Miranda “non vemos axilidade na posta en marcha de medidas que solucionen os problemas do sector pesqueiro”. Ao respecto Rosana Pérez denunciou que “a guerra no sector pesqueiro galego comezou hai moitos anos”, no sentido de que existen problemas de base “que se non se solucionan a pesca galega está abocada a unha diminución maior da que leva sufrido nos últimos anos”, como son as TACS e cotas, e a hiperregulación do sector.

Portos de Galiza, prexudicial para o sector

“O goberno galego ten moitas competencias exclusivas pero non as exerce e sistematicamente bota balóns fóra, cando a realidade é que no sector pesqueiro e marisqueiro, o goberno galego ten moito que facer”, sinalou a deputada nacionalista. Para o BNG, na falta de política pesqueira do goberno galego o ente Portos de Galiza causa un terrible prexuízo á inmensa maioría dos portos galegos.

Neste sentido, as nacionalistas denunciaron que a xente do mar “está pagando taxas desmesuradas sen ter practicamente ningún servizo a cambio” e sen atender reivindicacións históricas do sector nesta comarca, como son as referidas aos amarres en Domaio e Mosqueira. “Durante a pandemia, Portos de Galiza non recoñeceu unha exoneración das taxas portuarias, por moito máis que o anunciaron. O único que fixeron foi aprazarllas e agora falan dunha exoneración de dous meses”, puxo como exemplo Rosana Pérez.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG