O BNG ultima unha Lei de Memoria Histórica para anular os xuízos da Ditadura e devolver Meiras ao pobo

Pontón reivindica a vixencia do pensamento político e das propostas fiscais de Alexandre Bóveda na homenaxe a esta figura do nacionalismo

Reclama un concerto económico e traballar por un novo estatus político que impida que Galiza “se quede atrás”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón anunciou hoxe no acto de homenaxe a Alexandre Bóveda, celebrado en Pontevedra, que o BNG remitirá ao Parlamento galego unha lei de Memoria Histórica para o recoñecemento e reparación de todas as vítimas do franquismo. “Queremos que Galiza conte cunha lei propia co máximo rango institucional”.

Pontón avanzou que o texto lexislativo do BNG inclúe anular todos os xuízos e condenas ditadas polos tribunais do franquismo entre 1936 e 1978, a diferenza do que ocorre coa Lei estatal de 2007. Resulta “indecente”, afirmou que Amalia Bóveda, 81 anos despois continúe agardando a anulación do xuízo contra o seu pai e sexan desestimados todos “falsos cargos” contra el.

Día da Galiza Mártir 2017A Lei que o BNG vai defender no  Parlamento galego tamén reclama a exhumación das vítimas soterradas en foxas comúns e a supresión de toda a simboloxía franquista, porque resulta  “inconcibible” que persistan estes símbolos, distinción e honores aprobados pola ditadura.  No ano  2017 aínda temos  que asistir ao disparate de ver como o Goberno da Xunta de Feijóo delega na Fundación Francisco Franco a xestión das visitas ao Pazo de Meirás, unha entidade adicada a enaltecer a figura e valores  do ditador.

Feijóo cómplice de converter Meirás nun parque temático  franquista

A situación que estamos  vendo no Pazo de Meirás, remarcou Pontón  é “un esperpento” e ten un responsable, Alberto Núñez Feijóo que mantén unha “actitude morna” que recorda as declaracións de Trump despois do atentado terrorista ultradereitista ianqui. “Feijóo é cómplice de converter Meirás nun parque temático franquista e teñen que saber que non imos quedar caladas, nin paradas porque nos van ter en fronte ata que se faga xustiza e o Pazo de Meirás sexa devolto ao pobo de Sada e a Fundación Franco sexa ilegalizada”.

Día da Galiza Mártir 2017Neste sentido,  cualificou de “aberración” que a familia de Franco sega utilizando  o Pazo de Meirás como “casa de veraneo” polo que apelou a  iniciar os tramites necesarios para a súa devolución ao patrimonio público galego, e devolver as terras aos seus lexítimos donos, “labregos e labregas da época obrigados a  doazóns forzosas dos seus bens”.

O BNG, tamén inclúe na lei galega da Memoria declarar institucional o 17 de agosto,  Día da Galiza Mártir, como data de homenaxe a todas as vítimas da represión,  elaborar un “mapa de lugares da memoria” preservando o simbolismo de espazos como o da Illa de San Simón declarándoa  “Illa da memoria” e crear o Consello Galego da Memoria para divulgar a historia das décadas escuras, porque ”nin podemos, nin queremos pasar páxina mentres non haxa xustiza e reparación con todas e cada unha das persoas ás que o fascismo deixou tiradas  nas cunetas”.

Vixencia das propostas fiscais e financeiras e  pensamento político de Bóveda

Na súa intervención, a portavoz do BNG defendeu, ao igual que fixera Alexandre Bóveda hai oito décadas, “un sistema  de financiamento que poña os recursos  ao servizo do país. “Reivindicamos un concerto económico que nos aportaría 3.500 millóns de euros adicionais para blindar os servizos públicos, para activar os sectores produtivos, para facilitar a creación de emprego, para frear a sangría da emigración e traer de volta aos miles de mozos e mozas obrigados a coller as maletas”.

Día da Galiza Mártir 2017Hoxe, igual que fixo Bóveda fai oito décadas, defendemos “unha facenda galega” que nos permita establecer unha fiscalidade xusta, para que  “pague máis quen máis ten” e  non a fiscalidade de Montoro, nin a fiscalidade do status quo de sempre, na que un pequeno comercio local paga proporcionalmente máis que as grandes cadeas de distribución, no que unha pequena empresa paga máis que as multinacionais. “Estamos fartas da fiscalidade dun sistema corrupto capaz de drenar 60.000 millóns de euros para rescatar á gran banca, mentres aplica recortes, recortes e máis recortes á maioría social”.

E igual que fixo Bóveda, defendemos “unha banca pública galega”, para  xestionar o noso aforro e evitar que emigre a outros territorios, -nada menos que 17.000 millóns de euros-, mentres aquí a billa do crédito segue pechada para a maioría das familias e das pequenas e medianas empresas. Esta demanda é máis oportuna que nunca, tras terse consumado a voadura controlada do sistema financeiro do país.

En definitiva, o BNG segue o camiño trazado por Bóveda e defende un sistema de financiamento xusto para Galiza, un concerto económico que nos permitiría acabar cos recortes en servizos públicos e sociais, activar os sectores produtivos e xerar emprego, un concerto económico  que nos permitiría unha autonomía financeira real, “única opción” para avanzar e garantir unha convivencia entre iguais nun Estado plurinacional. Para conseguilo proporemos no Parlamento galego abrir unha ponencia na que todas as forzas políticas traballen para elaborar un novo “estatus” para Galiza cunha facenda pública que xestione os nosos ingresos. Un novo estatus para “blindar os servizos públicos, unha carta de dereitos sociais avanzados e as ferramentas necesarias para a modernización económica e o pleno desenvolvemento da nosa lingua e cultura”.

Nacionalismo, hoxe máis necesario ca nunca

Día da Galiza Mártir 2017“O nacionalismo é máis necesario que nunca”, recalcou a portavoz do BNG, “o nacionalismo organizado que representa o BNG,  coas portas abertas para todas as persoas que queiran sumar a favor deste país, convencidas de que o cambio ou será galego, feito desde nós e para todas nós, ou será un mero recambio daqueles que só ven Galiza como medio para facer méritos en Madrid”.

Non imos poñernos límites cando se trata de construír a Galiza coa que soñamos: “unha república, laica, feminista, igualitaria e galega, na que podamos vivir e traballar con dignidade”

Son tempos complexos. Son momentos en que precisamos construír un horizonte de esperanza para o noso pobo, e esa esperanza é o que nos fai estar aquí. Sabemos que, máis pronto que tarde, vaise producir un cambio en profundidade na ordenación do Estado, “e Galiza non pode quedar atrás”. Por iso o BNG quere abrir un debate que nos permita superar o marco desta autonomía anémica, discriminada e ignorada por Madrid ante a submisión de Feijóo.

É o momento de dar un paso adiante, senón queremos que Galiza non  quede atrás. “Este país ten que emerxer como nación para evitar converternos nunha rexión sen personalidade política e ao pairo do centralismo máis rancio”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG