BNG traslada ao Goberno do Estado as medidas que debe aplicar de maneira urxente para frear a suba de prezos

Néstor Rego reunido co goberno
Néstor Rego reunido co goberno

Rego reclama accións sólidas e inmediatas para regular os prezos da enerxía e os carburantes ante a crise que está provocando o empobrecemento das clases populares

O deputado nacionalista mantén unha reunión co executivo e entrega o paquete de medidas urxentes ante a inacción do Goberno

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantén un encontro con representantes do Goberno do Estado onde traslada as medidas urxentes que debe levar a cabo para combater a suba disparada dos prezos na economía. Rego reclama a intervención pública para controlar os prezos da enerxía e os hidrocarburos e non continúen subindo, así como outras no ámbito fiscal, salarial, aumento das prestacións sociais e axudas aos sectores máis afectados. O deputado nacionalista critica a postura de pasividade e a inacción do executivo ante a crise e chama a actuar de maneira inmediata.

O BNG presenta, na reunión co Ministro de Presidencia e a Vicepresidenta 2ª do Goberno, as medidas xustas e urxentes que se deben aplicar no ámbito estatal para frear a escalada de prezos que provocan o empobrecemento das clases populares. Durante a reunión, o deputado nacionalista destacou a necesidade implantar as medidas de maneira inmediata e non esperar até a semana que vén, tal e como anunciou o Presidente do Goberno. No paquete de medidas propostas pola organización nacionalista priman as do sector eléctrico e a regulación do prezo dos carburantes.

No sector eléctrico, o deputado do BNG defende a intervención pública do mercado para botar man dos beneficios “chovidos do ceo” das eléctricas e o control os prezos para garantir o acceso á enerxía como “un ben básico”. Rego urxe desvincular o mecanismo de fixación dos prezos da electricidade no mercado maiorista da evolución do prezo do gas nos mercados internacionais e mudar o sistema de pool. Así mesmo, demanda a rebaixa permanente do IVE de enerxía eléctrica “a 4% e a retirada da factura daqueles conceptos que non están vinculados á xeración de enerxía e que a sobrecargan”.

Alén do máis, reclama aplicación dunha Tarifa Eléctrica Galega a través do abaratamento das peaxes de transporte “por sermos un País produtor e excedentario de enerxía eléctrica” e o impulso de medidas urxentes para a contención da crise da industria electrointensiva, “a través dunha tarifa estábel que garanta prezos máximos a medio prazo”. Destaca a creación de empresas públicas que comecen a xestionar os saltos hidroeléctricos e parque eólicos. “É preciso prohibir por lei, de maneira permanente, o corte das subministracións básicas de luz, auga e gas” reivindica Rego.

Sumado a estas medidas no sector eléctrico, o deputado explica que é preciso tamén levar a cabo un “control  do prezo dos hidrocarburos con medidas como a redución temporal dos impostos a estes combustíbeis, así como fixación de prezos máximos para a súa comercialización”.

Para a organización nacionalista, é necesario controlar e estabilizar o prezo e mesmo axudas para os sectores agrícola, gandeiro e pesqueiro, que se están a ver gravemente afectados. Aliás, reclama que o Goberno “controle o cumprimento das previsións da Lei de Cadea Alimentaria de non poder vender por debaixo dos custos de produción”.

Por outra banda, a formación nacionalista defende “a suba das pensións mínimas e os salarios mínimos até 60% do Salario Medio tal e como recolle a Carta Social Europea” e a suba dos salarios co IPC. De maneira inmediata, medidas como a suba de prestacións social tales como o Ingreso Mínimo Vital (IMV) e mesmo a ampliación do bono social e o bono eléctrico.

Sinala a posición vixiante da organización nacionalista nesta situación e urxe a necesidade de tomar medidas que mitiguen “o impacto no ámbito do xénero, tendo en conta a fenda existente, e na mocidade, con medidas de apoio para o acceso á vivenda”. Recalca durante a reunión axudas para o sector primario, un dos principais focos da crise provocada pola invasión na Ucraína, ante o elevado prezo dos carburantes, e demanda o impulso de axudas temporais a través das axudas de mínimis, co fin de asegurar a viabilidade das actividades.

Rego conclúe que, no ámbito fiscal, ademais da necesidade dunha profunda reforma das políticas fiscais para conseguir que pague máis quen máis ten, son precisas medidas urxentes como a deflación da tarifa do IRPF, aumentar o imposto de sociedades. Remata vendo preciso “unha baixada selectiva do IVE ao tipo superrreducido de 4%  de determinados bens e servizos como os alimentos, produtos do mar, produtos de hixiene e hixiene feminina, transporte público ou servizos esenciais como o gas e a electricidade”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG