BNG solicitou dotar de prazas de nova creación nas escolas infantís públicas de Lalín

Ariadna Fernández
Ariadna Fernández
Ariadna Fernández solicitou distribuír, por parte da Consellería de Política Social, ás crianzas que non teñen servizo actualmente en centros próximos nos que haxa prazas vacantes ou planificar solucións para que as familias gocen dun servizo que debera ser gratuíto e para todas e todos

A deputada do Bloque Nacionalista Galego. Ariadna Fernández, presentou na Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, unha Proposición Non de Lei para dotar de prazas de nova creación as escolas infantís públicas do Concello de Lalín para satisfacer as necesidades de conciliación das familias empadroadas nel.

Actualmente a existencia de dúas escolas infantís Galiña Azul, dependentes da Xunta de Galiza, “non é suficiente”, como ven denunciando reiteradas veces o BNG, para darlle a atención gratuíta a todos aqueles nenos e nenas cuxos pais precisan de apoio para a conciliación “e aos que a dita promesa de gratuidade por parte da Consellería de Política Social non chega” salientou a deputada, que criticou que a Xunta está ofrecendo servizos que ata o momento non hai e se manifesta en que “temos dous nenos e medio por cada praza de escola infantil”.

Ariadna Fernández denunciou que “xa é unha costume que haxa familias que quedan na lista de agarda e logo sen praza”, como ocorreu neste curso, onde 20 menores de 3 anos quedaron sen praza no centro Pontiñas e outros 3 na escola emprazada no Polígono Lalín 2000. Este feito sitúa a Lalín coma a “única vila da comarca onde se dá este caso”, con 128 prazas dispoñibles de carácter público para este curso xa iniciado ao sumar as das dúas escolas antes citadas.

Fernández recordoulle á portavoz do Partido Popular que as escolas privadas teñen os mesmos criterios de admisión que as públicas, grazas a unha iniciativa que foi presentada polo BNG e que o PP votou en contra, mais que despois levaron adiante “vendéndoo como se fose unha iniciativa propia”. Coa gratuidade das escolas infantís, foron moitas as escolas privadas as que se benefician destas axudas. Seguindo nesta liña, a deputada denunciou o caso da escola infantil Scientia Lalín, de carácter privado, tiña que ofertar a principios de curso un servizo ás familias que finalmente non ofertou e deixounas tiradas, ademais, a provedores sen cobrar, a igual que fixo cos traballadores e traballadoras durante meses. A deputada preguntou polos 150.000€ que recibiu da Xunta en 2023 e polos servizos que non está prestando.

A situación das familias lalinenses en canto á conciliación “é dramática nestes momentos”, destacou a deputada nacionalista que sinalou que estas familias están a precisar de solucións por parte do concello e da Consellería de Política Social, “á que se lle solicita información sobre a inspección que estaba programada na escola durante este mes e da que non se teñen novas”, descoñecendo se esta se levou a cabo e, de ser así, cal foi a súa resolución, xa que necesitan garantías de que as crianzas poidan ser atendidas debidamente.

Ante esta situación o BNG tamén solicitou a distribución, por parte da Consellería de Política Social, ás crianzas que non teñen servizo actualmente en centros próximos nos que teñan prazas vacantes, ou planificar solucións para que as familias gocen dun servizo que debera ser gratuíto e para todas e todos.

A iniciativa presentada polo BNG sobre a cobertura de prazas de escolas infantís no concello de Lalín, non saíu adiante cos votos en contra do Partido Popular.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG