Senado

BNG solicita as comparecencias de Adif e Renfe pola paralización ferroviaria na Coruña

Carme da Silva
Carme da Silva
Carme da Silva demanda medidas para que non se repitan estas situacións e pregunta se se van pedir explicacións a Fenosa (Grupo Naturgy)

A senadora do BNG, Carme Da Silva Méndez, solicitou esta mañá as comparecencias do Presidente de Adif e do Presidente de Renfe, para que acudan á sede parlamentar a informar sobre a incidencia técnica e falta de subministro eléctrico na estación de San Cristovo (A Coruña) na mañá de hoxe que paralizou a circulación de trens con orixe e destino A Coruña e afectou ao tráfico ferroviario en toda Galiza. Unhas iniciativas que tamén rexistrou o deputado no Congreso, Néstor Rego.

Ademais, a senadora do BNG presentou unha batería de preguntas ao Ministerio de Transportes na que pide explicacións sobre o problema de falta de subministro eléctrico na estación coruñesa que impediu a saída e chegada de trens durante toda a mañá de hoxe e tivo consecuencias no tráfico ferroviario na Galiza. Da Silva pregunta ao Ministerio se vai exixir responsabilidades á compañía eléctrica Fenosa por esta incidencia.

Mellorar a xestión de incidencias que se repiten

En canto a Renfe, repróchalle a usual falta de información adecuada e coherente ás persoas afectadas. Quer saber cal foi o dispositivo informativo que levou a cabo desde que tivo coñecemento da avaría, a que hora informou aos afectados e pídelle explicacións por  ter emitido unha información ambigüa.

Asemade, inquire a Renfe sobre o plan de transporte alternativo para coñecer a que hora o dispuxo e se garantiu desde o primeiro momento ás persoas afectadas a mobilidade para chegar aos seus destinos.

A senadora do BNG critica a parsimonia de Renfe/Adif á hora de facer frente a este tipo de situacións que “como sabemos xa son habituais e frecuentes na Galiza. Dado que é habitual que se produzan problemas nos servizos ferroviarios na Galiza, porque non se habilita de inmediato un Plan Alternativo así como unha canle de información en tempo real?”.

Garantir a calidade dos servizos ferroviarios na Galiza debe ser unha prioridade

“Non é posíbel que se faga unha xestión mellor diante de incidencias deste tipo? Vai o Ministerio a adoptar medidas para que os galegos e as galegas teñan garantida a mobilidade ferroviaria diaria sen ter que estar con sustos diarios? Vai asegurar que a poboación galega poida ter a seguranza de acudir ás estacións de tren sen estrés, coa  tranquilidade de que vai poder chegar a  tempo aos traballos, aos estudos ou a unha xestión?

Da Silva apela a Óscar Puente a priorizar os problemas nos servizos ferroviarios na Galiza a fin de garantir un transporte de calidade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG