A portavoz nacional, Ana Pontón, considerou preciso que o Goberno galego compareza no Parlamento para explicar a súa xestión durante o apagamento eléctrico na que suporía “unha resposta normal” nun sistema democrático que debe funcionar “con transparencia”.
Logo de avanzar que o BNG solicitaría na Cámara esta comparecencia e se ben descartou que hoxe fose o día para analizar as decisións adoptadas pola Xunta, Pontón si apuntou que algunhas delas puideron sorprender e outras mesmo foron “confusas e contraditorias” como, por exemplo, no ámbito educativo, no que “quizais se lles estableceu máis dificultades ás familias á hora de volver á normalidade” e no que “esta mesma mañá xa houbo unha rectificación que era necesaria, dadas as circunstancias”.
“Hai unha situación normalizada e non tiña ningún sentido deixar a miles de nenos e nenas sen escola provocando maiores problemas ás familias á hora de conciliar e á hora de poder recuperar a normalidade”, indicou nunha rolda de prensa na quen destacou e felicitou o “comportamento exemplar” da cidadanía galega durante a crise e agradeceu o traballo para resolvela, tanto do persoal técnico como das e dos responsables políticos, das Administracións estatal, galega e local.
A líder nacionalista explicou que durante a xornada de onte transmitiu persoalmente ao Goberno galego, concretamente ao conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, a disposición do BNG para colaborar en todo o que puidese ser preciso nun momento tan inédito e avogou por valorar todas e cada unha das decisións adoptadas pola Xunta “con calma e serenidade”, unha vez restablecido o 100% da normalidade e sempre dende o ánimo que caracteriza ao Bloque de “analizar o que non se fixo ben para que, ante unha situación de emerxencia, sempre se tente ter a máxima eficiencia”.
En todo caso, e unha vez normalizada a situación, apuntou como “prioridade número un” facilitar información detallada e veraz á cidadanía, a mellor maneira, recalcou, “de loitar contra os bulos”. “Que saibamos realmente cales foron as causas deste apagamento, as súas consecuencias e, sobre todo, que evitemos que unha situación deste tipo poida volver repetirse”, sintetizou, para incidir a continuación en que isto compete ao Goberno central, pero tamén ao galego, que debe explicar as decisións que foi tomando ao longo desta crise.
Neste sentido, Pontón urxiu ao Executivo estatal a recuperar canto antes a rede ferroviaria galega, máis tendo en conta que Galiza non conta con servizo de proximidade (‘cercanías’) e que son os trens de media distancia os que fan esta función. “É importante que dende o Goberno central sexan conscientes desta realidade e que canto antes se poida normalizar todo o funcionamento da nosa rede ferroviaria, que é moi importante, sobre todo, no que se refire ao Eixo Atlántico, e que non sexamos os últimos para que se normalice a situación”, subliñou.
A portavoz nacional tamén considerou fundamental que se avalíe, tamén o máis rapidamente posible e con todas as Administracións, cal é o impacto económico do apagamento, tanto no gasto extraordinario dos servizos públicos, como no impacto sobre a actividade económica, onde sobre todo Pemes e persoas autónomas poden ter unha situación máis complexa.
“Unha avaliación real de cal é o impacto desta crise e que tamén se habiliten as medidas, os medios e os recursos económicos necesarios para que o noso sistema económicos se resarza o máis rapidamente posible dunhas circunstancias tan extraordinarias como as que vivimos no día de onte”, indicou Pontón, quen rematou a súa intervención insistindo no “recoñecemento e agradecemento” á sociedade galega por estar á altura nunha situación difícil e tan inédita.