Parlamento Galego

BNG sinala o Goberno de Rueda como “o principal obstáculo para avanzar na igualdade e nos dereitos das mulleres en Galiza”

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas acusa o PP “máis carroñeiro da historia” de montar unha “campañita” de bulos para tapar que son unha “máquina de precarizar” as mulleres ou perpetuar un modelo de coidados que recae no seu lombo

A deputada entrega á conselleira de Política Social o plan coas 30 medidas que propón o Bloque: “Se nalgún momento deciden traballar, poden copialo”

“A Xunta do PP é o principal obstáculo para o avance da igualdade e dos dereitos das mulleres en Galiza”. Así o asegurou no Pleno a portavoz do BNG en Feminismo e Igualdade, Noa Presas, para quen o Goberno de Rueda actúa como unha “máquina de precarizar mulleres”,  carga a conciliación no seu lombo, incumpre as leis de igualdade e, “nun contexto de rearme reaccionario, un día abraza a Vox e outro a Milei”. “Temos ante nós o PP máis ultra e cun historial que demostra que vostedes non son de fiar cando se trata de defender os dereito das mulleres”, reprobou ás bancadas populares.

Na réplica tras a comparecencia da conselleira de Política Social e Igualdade, a deputada nacionalista acusou o PP “máis carroñeiro da historia” de recorrer á difamación e “á máquina dos bulos e a intoxicación” para poñer en marcha unha “campañita” contra o BNG concibida precisamente para intentar tapar “as súas vergoñas”: que coas súas políticas na Xunta, que se limitan só “un lavado de cara lila” cada 8-M, Galiza non avanza nos dereitos das mulleres.

Para poder facelo, para camiñar cara a igualdade real e loitar contra a violencia machista, a alternativa do Bloque contempla unha batería de 30 iniciativas recollidas nun plan que Presas deixou no escano da conselleira: “Se nalgún momento deciden traballar no lugar de difamar e facer oposición ao BNG, poden copialas”, díxolle a Fabiola García, a que lle reprochou que escolla como referente a Isabel Díaz Ayuso “que se ri do 8-M e di que para cando o día do home”.

No que ten que ver coa precariedade no mercado laboral, Presas acusou á Xunta do PP de ser  “o peor exemplo posible”, permitindo, por exemplo, que o 70 % do persoal das residencias, a maioría mulleres, cobren por baixo do Salario Mínimo Interprofesional.  Residencias, agregou, que o PP está convertendo en psiquiátricos “con denuncias por violencia, tamén sexual” . Non lle preocupa que as súas traballadoras sexan agredidas nos centros que financia sen que pase nada?”, preguntoulle á conselleira á que tamén botou en cara a precariedade, que a Xunta “financia e consinte”, das traballadoras nas casas niño, no 112, ou no Sergas, “a maior ETT de Galiza”.

A deputada nacionalista afeou así mesmo o Executivo de Rueda o fracaso das súas políticas de conciliación, pois o seu modelo de privatización dos coidados —advertiu– devolve o rol de coidadoras ás mulleres, que representan no País o 83 % das persoas coidadoras. Mulleres ás que se lles ofrece “a miseria do Bono Fogar” para que coiden “por menos prezo que unha Risga”, lamentou.

O incumprimento das súas propias leis foi outra das razóns esgrimidas por Presas para soster que o PP, e a conselleira en particular, son un obstáculo para o avance das mulleres. “Onde está a garantía do dereito ao aborto 100 % na sanidade pública?”, preguntou Presas que, neste punto, criticou tamén a financiación de entidades antiabortistas ou que promoven a Síndrome de Alienación Parental. Entre outros incumprimentos, referiuse ademais á atención psicolóxica para violencia machista en Atención Primaria —aprobado por lei hai 17 anos—, a axudas para vítimas de violencia sexual, o rexistro de familias monoparentais, o estatuto das mulleres do rural ou do sector do mar, e os servizos de dependencia “polos que morreron máis de 5.000 persoas esperando entre 2017 e 2023”.

 “Son vostedes o PP que segundo entrou por San Caetano eliminou o Servizo Galego de Igualdade, impuxo a lei de familia da Red Madre e recortou as axudas de violencia machista que aínda hoxe son máis baixas que no 2009, o PP que agora privatiza os centros de crise para facer negocio coa violencia machista”, afondou, lembrando tamén que a posición do PP contra o aborto ou contra a aplicación do do 60-40% nas listas.  

Todas accións que engrosan un “historial” que  impide que ao PP “dar leccións de feminismo nin dicirnos ás feministas como temos que pensar”, un PP “sen límites morais”  ao que convidou a abandonar o seu “radicalismo” e situarse na senda “do sentido común”.

Valedoría da Igualdade

Na batería de iniciativas que Presas deixou no escano da conselleira figura como prioritaria a creación dunha Valedoría da Igualdade, proposta que se someterá mañá a votación no Pleno. Esta valedoría está concibida como autoridade independente de defensa cidadá para asesorar e asistir diante de posíbeis situacións de discriminación, directa ou indirecta por razón de xénero, que se produzan no sector privado.

Impulsar unha auditoría sobre a situación das mulleres nas contratacións públicas para asegurar o cumprimento dos convenios colectivos e da lexislación vixente, atender á realidade das familias monoparentais, impulsar unha lei de igualdade no deporte ou impulsar unha batería de iniciativas urxentes para abordar o colapso da dependencia e a falta de prazas públicas de escolas infantís forman parte, entre outras, das iniciativas do BNG para avanzar cara a igualdade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG