BNG saca adiante no Senado “impulsar unha actuación integral e mellorar a seguranza viaria da N-541” ao seu paso por Cerdedo Cotobade

Carme da Silva
Carme da Silva

Carme da Silva Méndez consegue o apoio da cámara alta para demandar ao Goberno a reforma integral da N-541 co obxectivo de mellorar a seguranza viaria

“Con esta proposta de acordo, darémoslle a alegría á veciñanza de Cerdedo Cotobade impulsando unha actuación que é moi necesaria e, agora mesmo, urxente” di

A iniciativa do BNG inclúe novo asfaltado, calmado do tráfico, pasos peonís seguros e mellora da iluminación, entre outras cuestións demandadas pola veciñanza

A senadora do BNG no Senado, Carme da Silva Méndez, consegue aprobar unha para mellorar de maneira integral a seguranza viaria da estrada N-541 ao seu paso polo concello de Cerdedo-Cotobade e reclamar ao Goberno actuacións urxentes que atendan as demandas da veciñanza após anos de desleixo e inacción dos sucesivos gobernos do Estado.

Durante a súa intervención, Carme da Silva salienta que a N-541 é unha vía principal para a veciñanza tanto de Cerdedo Cotobade como para o conxunto da cidadanía da comarca de Pontevedra. A senadora lembra que esta infraestrutura conta cun trazado que data de finais do século XIX e comezos do XX, atravesando numerosos núcleos de poboación, polo que “debería ter tratamento como travesía”, ademais de mellorar de maneira significativa a iluminación e a seguranza viaria.

“Queremos darlle unha alegría á veciñanza de Cerdedo Cotobade” afirma a senadora do BNG, quen incide en que a aprobación desta iniciativa “é polo ben da veciñanza” e responde a demandas históricas trasladadas pola cidadanía da zona.

A iniciativa do BNG aprobada insta o Goberno do Estado a realizar unha auditoría de seguranza viaria na N-541 ao seu paso polo municipio debido á elevada sinistralidade da vía, así como impulsar con urxencia unha actuación integral que permita corrixir as deficiencias estruturais existentes.

Entre as actuacións aprobadas inclúense a reposición integral do asfaltado con base antideslizante, a mellora dos peraltes nas curvas, a incorporación de medidas de calmado do tráfico, a creación de pasos peonís seguros e pasarelas, a mellora de accesos en distintos núcleos e a adaptación da N-541 como travesía en lugares como Calvelo, Tenorio, Viascón, San Xurxo ou Santa María de Sacos.

A resolución do BNG, aprobada pola cámara alta, contempla reforzar e mellorar a iluminación nos puntos máis perigosos da estrada, especialmente en tramos con curvas e zonas de elevada perigosidade, así como poñer en funcionamento luminarias actualmente sen servizo.

A senadora nacionalista destaca que a aprobación desta iniciativa supón “un paso importante” para avanzar nunha infraestrutura máis segura e adaptada ás necesidades reais da veciñanza de Cerdedo Cotobade e da comarca. Carme da Silva convida o Goberno do Estado, no concreto o Ministerio de Transportes, a tomar nota da posición do Senado e ínstao a actuar inmediatamente “escoitando as demandas da veciñanza e o mandato popular”.

Un Partido Popular desnortado e pasivo

“Para traer a esta cámara medidas realistas ten que ser o BNG quen as traia, porque en todo o que vai de lexislatura, no Senado, o Partido Popular non presentou ningunha moción sobre a N-541” lamenta a senadora do BNG durante o debate da iniciativa nacionalista. Critica, así, a “falta de implicación e pasividade” do PP nunha das principais demandas da veciñanza de Cerdedo Cotobade e da comarca de Pontevedra, asegurando que “levan anos reclamando solucións concretas para unha estrada que presenta importantes problemas de seguridade viaria”.

Da Silva defende que a proposta impulsada polo BNG “non responde a promesas baleiras nin a anuncios propagandísticos”, senón a actuacións “realistas, necesarias e perfectamente executables” para mellorar a seguranza e a calidade de vida da veciñanza que emprega diariamente a N-541.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG