congreso

BNG rexeitará a reforma das pensións por “consolidar e ampliar recortes e non dereitos”

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego critica o Goberno de PSOE e UP por tramitar, a través dun RDL, unha das reforma máis importantes do estado de benestar e consolidar os aspectos lesivos das reformas de 2011 (PSOE) e 2013 (PP).

A organización nacionalista apoia as mobilizacións convocadas na Galiza para esta quarta feira en resposta a “unha reforma regresiva que implica recortes e camiña para un modelo privatizador”

O Bloque Nacionalista Galego rexeita a reforma das pensións presentada polo Goberno do Estado, a través do Real Decreto-lei 2/2023, por consolidar os aspectos máis lesivos das reformas aprobadas polos Gobernos do PSOE (2011) e do Partido Popular (2013) e mesmo amplialos co aumento do período de cómputo a 29 anos. A frente nacionalista entende que a proposta do executivo de PSOE e UP non recupera nin amplía dereitos, non cumpre o compromiso de subir as pensións mínimas até 60% do salario medio e impide resolver cuestións principais como a fenda de xénero, a fenda territorial ou as fontes de financiamento do sistema.

Para a frente nacionalista, moi crítica coas medidas presentadas polo Goberno en meses anteriores, esta terceira parte da reforma das pensións supón un claro afianzamento dos aspectos más lesivos e regresivos da Reformas realizada polo Partido Socialista e polo Partido Popular, que no seu momento contaron cun amplo rexeitamento da sociedade no seu conxunto. A reforma impulsada polo goberno de PSOE e UP consolida  a idade de xubilación aos 67 anos (frente aos 65 anteriores) e penaliza a xubilación anticipada, mesmo con 40 anos cotizados.

Agora consolidan tamén o aumento do período de cómputo (que no seu día pasara de 15 para 25 anos) e mesmo o aumentan até os 29. A opcionalidade prevista, para alén de ter data de caducidade (2041) pode ser eliminada en calquera momento, máis aínda se temos en conta que se prevé unha revisión da “sustentabilidade do sistema” cada 3 anos. “Isto vai provocar unha caída substancial da contía das pensións futuras, evidentemente para as persoas que hoxe teñen menos de 50 anos, mais sen descartar que unha eventual modificación poida afectar antes de 2041” apunta Rego.

Critica tamén o deputado nacionalista que o aumento previsto no Mecanismo de Equidade Interxeracional -de 0,6 a 1,2%- “recaia por igual sobre todas as persoas ocupadas, sen facer distinción da renda. Implica que todos os traballadores e traballadoras van ter que cotizar máis. Isto, ademais de non ser progresivo, tampouco é solidario” afirma.

Aliás, o deputado nacionalista sinala que o Decreto do Goberno incumpre o compromiso de subir máis as pensións mínimas e, por tanto, “non resolve realmente a fenda de xénero, nin a fenda territorial, que afecta especialmente a Galiza, pois hai que lembrar que temos das pensións máis baixas do Estado. As subas que se prevén son claramente insuficientes porque non se garante por lei que a pensións mínimas se equiparen ao SMI e ambos sexan, canto menos, 60% do Salario Medio tal e como recolle a Carta Social Europea, ratificada polo Estado español” denuncia o deputado do BNG.

Para alén do máis, o BNG considera moi preocupante que o RDL atribúa á AIREF a capacidade de determinar cada 3 anos o estado de sustentabilidade do sistema e as mudanzas a introducir. “A AIREF xa está a criticar neste momento a reforma, polo que non será ningunha sorpresa que propoña novos recortes. Ademais de que é inaceptábel que se pretenda furtar a capacidade de debate e decisión a órganos representativos”.

Na mesma liña, Rego considera inadecuado que esta reforma se faga mediante Real Decreto Lei. “Traen esta reforma furtando o debate no Congreso, pois, a pesar de que abren a porta a tramitalo como Proxecto de Lei, moito tememos que será gardado nun caixón durante o que queda de lexislatura, como leva acontecido con todos os aneriores casos” denuncia o deputado do BNG.

Frente a este novo Decreto de recortes, o BNG insiste en que o que correspondía a unha política verdadeiramente transformadora era reverter as reformas anteriores. “Nós propomos recuperar a idade da xubilación aos 65 anos, coa posibilidade da xubilación parcial aos 63 e a despenalización da anticipada con 40 anos cotizados, na perspectiva de que chegue a ser con 35. Queremos tamén reducir de novo o período de cómputo, permitindo elixir os mellores anos, e incrementar as pensións mínimas até 60% do salario medio.

Canto á sustentabilidade do sistema, o BNG continúa a defender que hai que actuar pola vía de aumentar os ingresos, en vez de optar por recortar nos “gastos”. “Aumentar os salarios e o emprego redundaría en máis ingresos, sen descartar que poida haber contribucións dos Orzamentos do Estado a través dunha fiscalidade máis xusta e redistributiva”, sinala Rego.

Voto en contra e apoio ás mobilizacións convocadas na Galiza

“Isto non é unha reforma progresista. Mentres en Francia millóns de persoas se mobilizan para evitar o aumento da idade de xubilación até os 64 anos, aquí o Goberno PSOE/Podemos consolídaa nos 67 e avanza con novos recortes, coa aquiescencia do sindicalismo español de concertación”, apunta o deputado do BNG. Segundo explica Néstor Rego, “por fortuna a primeira forza sindical da Galiza, o sindicato de clase e soberanista CIG, sempre está para defender os intereses dos traballadores e traballadoras” e ten convocado mobilizacións nesta quarta feira en toda a Galiza para amosar o seu rexeitamento a esta reforma.

“Nós apoiaremos estas mobilizacións e opoñerémonos a esta reforma votando no Congreso en contra da convalidación do RDL 2/2023. O que si que faremos será votar a favor da tramitación como Proxecto de Lei para presentar emendas e reverter os recortes introducidos por PSOE e UP. Non nos rendemos nin nos renderemos. O sistema público de pensións non se toca” finda Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG