congreso

BNG rexeita a visita do “Borbón fuxido” á Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

“É indecente que o Goberno español non evite unha situación como esta e, mesmo, colabore coa visita dun delincuente. Non di nada bo do executivo e redunda en maior desprestixio dunha institución como a monarquía” critica Néstor Rego

Avanza o rexistro de iniciativas na cámara baixa para coñecer a posición real do Goberno do Estado e o diñeiro público que se destinará no despregamento dos dispositivos de seguranza durante a visita a Sanxenxo

O Bloque Nacionalista Galego rexeita de forma contundente a visita do “Borbón fuxido da xustiza”, Xoan Carlos I, a Sanxenxo. Así mesmo, critica a implicación política e práctica do Goberno do Estado xa que, no canto de evitar esta visita, colabora nela estabelecendo os dispositivos de seguranza habituais nestes casos. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, adianta o rexistro de iniciativas na cámara baixa para coñecer a posición do Goberno do Estado a respecto da visita e saber cantos recursos públicos serán destinados a esta visita.

A poucas horas da visita do rei emérito Juan Carlos de Borbón a Sanxenxo, o Bloque Nacionalista Galego expresa, máis unha vez, o seu rexeitamento. Para a frente nacionalista é evidente que, alén de que se venda como unha visita privada, este evento ten unha implicación política e unha implicación práctica pola súa condición de rei emérito.

“É indecente que o Goberno español auto denominado “máis progresista da historia”- non evite unha situación como esta e, mesmo, colabore nela estabelecendo os dispositivos de seguranza habituais para os membros da familia real” sinala o deputado do BNG. De facto, Néstor Rego avanza o rexistro de novas iniciativas no Congreso para saber a opinión e a posición do Goberno do Estado a respecto desta visita e “deixar de enmarcala no ámbito privado, evitando un pronunciamento oficial por parte do executivo”.

“No canto de perseguir a un delincuente como Juan Carlos de Borbón, protéxeo con diñeiro público” sinala Rego durante a comparecencia criticando a decisión de destinar recursos de toda a cidadanía no “despregamento dos dispositivos de seguranza que se estabelecen neste tipo de casos”. Neste sentido, engade o deputado do BNG, a frente nacionalista quere coñecer canto diñeiro público se destinará para a protección do “delincuente fuxido” nesta visita á Galiza.

En opinión do deputado nacionalista, este tipo de actuacións “non di nada bo do Goberno do Estado e redunda en maior desprestixio, aínda máis se for posíbel, dunha institución como a monarquía”.

“Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, expresou o seu rexeitamento á visita do Borbón a Sanxenxo deixando claro que Galiza non ten rei. O BNG, durante estes días, reafirmará a súa vontade de avanzar en democracia e soberanía a través do único mecanismo que pode garantilo como é a República da Galiza e, polo tanto, rexeitando a monarquía española e a visita dun delincuente á Galiza” finda Rego.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG