O BNG rexeita o teito de gasto no que ve un “corsé” co que Madrid controla os recursos de Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón
Pontón considera pouco cribles as previsións de ingresos e de redución do paro da Xunta, á que critica que desaproveite a capacidade fiscal do país

O BNG apelou á responsabilidade para rexeitar un teito de gasto que non vai solucionar a grave crise industrial, nin blinda os servizos públicos, nin rectifica a política que empuxa á mocidade a emigrar ou a vivir na precariedade, nin frea o deterioro no medio ambiente.

“Supón un incremento moi modesto, o menor desde 2017, e pese a desaceleración económica e á crise social, a Xunta non mobiliza todo o investimento público que podería”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón. A dirixente do Bloque fixo fincapé  en denunciar “un reparto inxusto do déficit entre administracións” dentro dun marco que o Goberno do PP non cuestiona, “por algo foron os alumnos avantaxados de Montoro”.

A este marco que discrimina a Galiza, Pontón engadiu o feito de que o Executivo de Feixóo “desaproveita as escasas capacidades fiscais para introducir maior equidade, progresividade e xustiza no sistema fiscal, renegando de medidas como dotar de maior progresividade ao IRPF ou ao Imposto de Patrimonio, así como a desenvolver a creación de tributos propios”, explicou.

Entre eles, imposición de gravames ás grandes superficies comerciais, ás vivendas baleiras de fondos de inversión, ás liñas de alta tensión ou as bebidas azucradas. Igualmente, a líder do Bloque puxo en dúbida as previsións de crecemento e a redución da taxa de paro: “non son críbeis”, sentenciou.

No límite de gasto para 2019 aprobado o ano pasado, a Xunta estimaba un crecemento do 2,5% para este ano. Tratábase da estimación de crecemento máis baixa de toda a lexislatura e nin así se cumpriu, pois o Goberno estima que o incremento para  este exercicio será finalmente do 2%.

Con respecto os factores do crecemento económico para 2020, tacha de “sorprendente e demasiado optimista” a estimación de investimento, tendo en conta as negativas expectativas derivadas dun previsible Brexit sen acordo, a repercusión da guerra arancelaria de Trump ou o impacto do novo acordo Mercosur.

Sorprende tamén, -alega Pontón-, que a pesares dos fortes descensos que se contemplan en importacións (-3,1%)  e exportacións (-5,1%), as previsións contemplen para 2020 incrementos do 3,3% e do 2,9% respectivamente. En relación á redución do paro, a Xunta prevé un escenario de redución do desemprego sen ter en conta os máis recentes indicadores do mercado laboral, entre eles os malos resultados do paro rexistrado dos últimos meses.

A todos estes argumentos, Pontón sumou o desacordo do BNG co actual marco financeiro, no que o teito de gasto “é un corsé para que Madrid tutele as contas galegas, e só vale é para xustificar recortes sociais, para que o Goberno do Estado xogue cos cartos de Galiza e para impoñer un sistema de financiamento insuficiente e discriminatorio”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG