O BNG rexeita un teito de gasto proposto polo PP que anticipa uns orzamentos continuistas

Noa Presas
Noa Presas
Presas: “Avanza que se manterán as mesmas políticas fracasadas nun marco obsoleto, cando Galiza ten que dar un paso cara un concerto económico”

O BNG avanza o seu voto en contra do teito de gasto aprobado polo Goberno galego por considerar que é anticipa unhas contas “continuistas”, coas mesmas políticas fracasadas. Ademais, o Executivo de Feixóo persiste nun marco financeiro “obsoleto”, ao tempo que veta un concerto económico que aportaría a Galiza 3.500 millóns de euros adicionais.

“Imos votar en contra deste teito de gasto porque amosa un continuismo nas cifras que prognostica tamén un continuísmo nas políticas fracasadas, coas que nin se recuperará o emprego nin se sairá desta crise industrial, nin se blindarán os servizos públicos”, salientou a portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas. “Estamos nun marco obsoleto e deben asumir que é necesario dar un paso máis no sistema de financiamento cara un concerto económico”.

Un concerto económico que evitaría episodios como o das entregas a conta, cun Goberno do Estado retendo 700 M€ que son de Galiza e un Goberno da Xunta que se limita a laiarse ou a unha utilización meramente electoral, en lugar de presentar un recurso xudicial para reclamar o pago inmediato dos cartos que lle corresponden ao país.

“Tanto presumir dos 300 M€ do teito de gasto cando cun concerto económico Galiza disporía de once veces máis de recursos adicionais e cando ese teito aínda está por debaixo da cifra anterior á chegada de Feixóo á Xunta”, explica Presas

“É un mal punto de partida que dificilmente pode axudar á hora de enfrontar os retos que ten Galiza por diante e anticipa uns orzamentos continuistas que non ofrecerán ningunha alternativa ao fracaso económico e social da década Feixóo”, alegou, ademais de denunciar a falta de vontade do PP por negociar co resto dos grupos parlamentarios as contas que precisa o país.

“Xa están redactados, polo que o trámite parlamentar do próximo mércores é un mero paripé, non hai vontade por parte do PP de sentarse a falar coas forzas políticas deste país nin abrir un debate serio”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG