Parlamento Europeo

BNG rexeita o recorte dos TAC e cotas que negocia Bruxelas porque supón “un novo ataque á pesca galega”

Ana Miranda
Ana Miranda
Ana Miranda: “O PP volve traizoar os intereses do sector pesqueiro galego ao ser cómplice da discriminación de Galiza”

A eurodeputada do BNG e membro da Comisión de Pesca da Eurocámara, Ana Miranda, expresa o rexeitamento do recorte aos Totais Admisibles de Capturas (TAC) e cotas acordados entre a Unión Europea e Reino Unido, que segundo denuncia son “un novo ataque de Bruxelas á pesca galega”, e alerta das consecuencias para Galiza negociacións que estes días están tendo lugar en Bruxelas.

“Desde o BNG denunciamos que este acordo non teña en conta o aspecto socioeconómico e que lle dea prioridade ao aspecto medioambiental”, manifesta a eurodeputada galega, quen critica que “a Comisión Europea e o Consello non entenden o sector pesqueiro galego e toman decisións sen ter en conta que Galiza é unha nación altamente dependente da pesca”.

Ana Miranda expresa a súa preocupación polos excesivos recortes contemplados para o rapante (20%), a pescada (arredor do 6%), o rape (3%), e a cigala (21%), que se sumarían ás reducións para a xarda (70%), para o lirio (41%) e para o abadexo (26%).

Neste sentido, Ana Miranda denuncia a complicidade do Partido Popular con estes recortes, que ao seu xuízo “volve traizoar os intereses de Galiza e o sector pesqueiro galego, porque non podemos esquecer que a presidenta da Comisión Europea, o Comisario de Pesca e o presidente da Xunta son do mesmo partido, o PP, que toma decisións contrarias aos intereses de Galiza”. “O PP é cómplice da discriminación a Galiza”, salienta.

Redución do FEMPA

A eurodeputada do BNG critica que estas reducións dos TAC e cotas sexan acordados despois do peche das 87 zonas á pesca de fondo na Atlántico Norte, así como a redución do Fondo Europeo Marítimo da Pesca e a Acuicultura (FEMPA) dun 67%, ao pasar de 6.108 millóns de euros do período anterior aos 2.000 millóns para o vindeiro período. Xa en diversas ocasións a eurodeputada galega alertou de que se con algo máis de 6.000 millóns se desmantelaron 2.200 barcos nos últimos 20 anos, cun orzamento de 2.000 millóns para o vindeiro período as consecuencias poden ser catastróficas.

Segundo subliña Ana Miranda, as medidas impulsadas pola Unión Europea desde que Galiza forma parte da UE resúmense en poucas palabras: redución de cotas, vetos, desmantelamento, reconversión forzada e ruína, xa que en 20 anos a frota galega pasou de 6.400 embarcacións en 2005 a 4.200 en 2025.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG