Parlamento Galego

BNG rexeita a proposta de convenio da Xunta para xestión da prevención de incendios por insuficiente

Imaxe xeral de Redes
Imaxe xeral de Redes

Defende que inclúa a protección dos núcleos rurais, que asuma a xestión da prevención e o cambio a un modelo permanente para os efectivos de extinción

A proposta foi rexeitada na Comisión Executiva da FEGAMP que solicita que se reabra a negociación

O BNG rexeitou na Comisión Executiva a FEGAMP a proposta de convenio da Xunta para a xestión da prevención de incendios ao considerala insuficiente e reclama que o acordo contemple tamén a protección de núcleos rurais, que a Consellaría de Medio Rural asuma o proceso de notificacións e sancións para a limpeza de fincas e o cambio a un modelo permanente e non temporal para os efectivos de extinción.  Representantes da organización nacionalista insistiron na necesidade de reabrir o proceso negociador para un modelo preventivo máis eficaz.

Representantes do BNG no órgano de dirección da FEGAMP lamentaron que a Xunta "intente eludir reponsabiliades e presione aos concellos para que asumamos unha responsabilidade que non nos corresponde, facendo que nos fagamos cargo das deficiencias do sistema de prevencións de incendios".

Para o BNG, a proposta da Xunta para a colaboración das entidades municipais na xestión da prevención dos  incendios "non é capaz de cubrir as expectativas que precisan os concellos para protexer a poboación". Representantes nacionalistas na Comisión Executiva da FEGAMP insistiron na necesidade dun convenio que ademais de recoller actuacións de carácter preventivo na limpeza das faixas secundarias, interveñan tamén nas parcelas abandonadas dentro dos núcleos de poboación. "Neste verán comprobamos que son os focos de maior perigo e, sen ir máis lonxe, requiriron até 525 intervencións das brigadas para protexer a poboación", sinalan.

Ademais, o BNG optou por votar en contra da proposta porque, segundo explicaron na xuntanza, consideran "imprescindíbel" que a Xunta asuma a notificación e tramitación dos procesos administrativos para demandar a limpeza de  parcelas e, de ser o caso, a imposición das sancións que supoñen unha carga dificilmente asumíbel polos concellos. Ao respecto, demandaron, máis unha vez, que a Xunta negocie co Catastro a actualización de datos como ferramenta imprescindíbel para a localización das persoas propietarias.

Finalmente, representantes nacionalistas na FEGAMP insistiron na urxencia de cambiar o modelo de xestión de efectivos que, segundo defenderon, ten que ser permanente e profesional. "Até agora moitas das  brigadas se contratan a través dos municipios e é necesario deixar atrás este modelo de carácter temporal -que obriga a formar cada ano a distintas persoas que non acadan a formación necesaria para se enfrontar ao lume- e ir a un modelo permanente",  explican os representantes nacionalistas na Comisión Executiva da FEGAMP, o alcalde de San Sadurniño, Secundino Garcia ;a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid e a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida.

Acordo da FEGAMP

Os votos do BNG, xunto cos do PSdG-PSOE sumaron a maioría que rexeitou a proposta da Xunta nunha xuntanza da Comisión Executiva da FEGAMP que, entre outras cousas, defende que se estableza un prazo de vixencia do convenio de dous anos, con outros dous de prórroga, e aposta porque os recursos obtidos polos concellos con cargo ás dotacións orzamentarias do Fondo de Cooperación Local teñan carácter de financiamento incondicionado. Ademais, a FEGAMP decidiu  non aprobar a Disposición da lei de Medidas que se recolle no proxecto de Orzamentos da Xunta correspondente á detracción do 30% das cantidades que lles corresponde percibir a cada concello pola participación no FCL no suposto de non adherirse ao Convenio de faixas.

O acordo adoptado na xuntanza da Comisión Executiva da FEGAMP insiste na necesidade de incrementar a colaboración da Xunta para asumir a xestión das parcelas a través da execución subsidiaria, pasando a exercela nos concellos de ata 15000 habitantes, en lugar dos 10000 propostos, e demanda que a xunta asuma o procedemento notificador e sancionador na súa totalidade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG