Parlamento Galego

BNG rexeita os Orzamentos porque afondan na demolición dos servizos públicos e están feitos de costas á cidadanía

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas cifra en 119 millóns de euros a cantidade precisa só para compensar a subida da inflación e que as contas quedasen conxeladas

Critica o modelo fiscal antisocial do PP, que lle aforra 6.000 € aos máis ricos e só supón unha esmola de 50€ para a maioría social das galegas

Empraza a Rueda a aproveitar a “oportunidade histórica” de aplicar a quita de 4.000 M€ de débeda para destinalos a sanidade, ensino ou dependencia

A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, emprazou o Goberno do PP a retirar a súa proposta de Orzamentos para 2026 porque “nin son históricos nin suficientes” , están feitos de costas á cidadanía e, na práctica, van supoñer recortes na prestación de servizos esenciais, como a sanidade, a educación ou a dependencia que, advertiu, xa se atopan en situación límite.

“Das grandes cifras ao detalle estes orzamentos son un espellismo, unha lista de titulares e promesas repetidas sen credibilidade”, asegurou Presas, para quen as contas presentadas polo Goberno “estancado” de Rueda afondan nunha folla de ruta que supón “continuar a demolición duns servizos públicos en xaque e vender Galiza a prezo de saldo”. “Galiza merece máis!”, proclamou, para lamentar a falta de resposta do PP aos grandes problemas do País.  

Durante a súa intervención para defender a emenda á totalidade presentada polo BNG, a deputada nacionalista criticou as “piruetas discursivas” do conselleiro Corgos, que presentou un orzamento “expansivo” que, en realidade, é un “orzamento recortado”  porque  a suba do 2 % do gasto non financeiro (286 M€) non compensa sequera o 2,7 % da inflación de 2024.

 “Non fai falta ser premio Nobel de Economía para ver que se o custo de calquera material ou produto custa máis hoxe, que hoxe é mais caro prestar calquera servizo, este é un orzamento recortado”, subliñou Presas, que cifrou en 119 millóns de euros a cantidade a maiores que sería necesaria tan só para compensar a carestía da vida e presentar unhas contas “conxeladas”.

No que ten que ver cos ingresos da Xunta, advertiu ademais que os orzamentos 2026 perden case 800 M€ pola política fiscal do PP —que nunha parte importante beneficia a unha minoría rica— e pretenden tapar mediante o “ilusionismo económico” o fracaso no uso dos fondos extraordinarios da covid para transformar a economía.

Galiza, a prezo de saldo

“O balance do lustro post pandemia é que a gran proposta de transformación económica do PP é instalar a bomba ambiental no corazón de Altri”, destacou, referíndose á macrocelulosa contaminante que queren instalar en Palas de Rei como “o paradigma da política de capitalismo do PP”, que busca vender do País prezo de saldo e permite o espolio dos seus recursos para beneficiar os lobbys de sempre.

Para incrementar a contía dos Orzamentos, a alternativa do BNG pasa por dúas cuestións fundamentais. A primeira delas, rectificar a “política fiscal antisocial”  do PP, que permite que os 8.341 contribuíntes galegos máis ricos aforren 5.941 M€, fronte aos 50 euros que deixa de pagar unha traballadora de coidados con ingresos de 12.500 euros. “Aforro de case seis mil euros para os ricos, unha esmola de 50 para a maioría social”, resumiu.

A segunda pata na alternativa nacionalista supón “poñer Galiza por diante dos intereses electoralistas de Génova”, que é o que fai o PP, negociando un modelo de financiamento que lle devolva a Galiza a chave dos seus cartos e, de maneira máis inmediata, aceptando a quita da débeda que conseguiu o BNG, en torno a 4.000 M€ que na súa maioría poderían ser destinados a servizos esenciais como a sanidade, a educación ou a dependencia. Unha débeda que, recordou, o PP triplicou e que no Orzamento de 2026 custa máis que toda a Consellería de Política Social, até 1.643,7 millóns de euros.   

Que ten que pasar para que rectifiquen algo?

Presas argumentou tamén a emenda á totalidade do Bloque na rutina e na negativa do PP á escoitar o que lle está a dicir a xente na rúa. Rexeitou, neste punto, a “realidade paralela” na que vive o Goberno de Rueda, como se demostra en que despois da peor vaga de lumes da historia recente de Galiza presente uns orzamentos que son “unha calcamonía da política forestal e ambiental anterior”.

“Que ten que pasar neste País para que rectifiquen algo?” preguntouse a deputada ourensá, que criticou así mesmo a ausencia nas Contas de 2026 de “propostas á altura da caída libre” que sofre o sector do agro e do mar. E o mesmo ocorre co sector industrial, engadiu, referíndose neste punto especificamente á crise no sector da automoción.

A portavoz de Facenda do BNG reprobou a ladaíña de anuncios e promesas incumpridas co Exectivo de Rueda que, lonxe de resolver os problemas reais da Xunta, favorecen a especulación e a perda de dereitos, como ocorre coa vivenda. “Fan unhas promesas de vivenda protexida para as que terían que ter o triplo de orzamento, pero prometer é gratis!, ironizou, criticando ademais a rebaixa nos criterios de habitabilidade dos fogares que impulsan os populares.

Fronte ao público, cebar á privada

Tras equipar o “estilo Rueda” ao “estilo Pinocho”, Presas finalizou a súa intervención advertindo da falta de solucións dos orzamentos ao “colapso absoluto” que se está a vivir nos servizos públicos, con protestas no ensino, na sanidade, na xustiza, nos centros de menores, ou no sector dos coidados, entre outros, e con situacións tan pésimas como as denunciados nas residencias de maiores de Xinzo, Amoeiro ou Monforte.

O BNG propón a mobilización de 2.241 millóns de euros dos Orzamentos e 60 propostas para reorientar medidas fracasadas do Goberno de Rueda “para cambiar o que non funciona, que é moito” e dar resposta á “urxencia vital” que se está a vivir na prestación de servizos esenciais por culpa das políticas do PP que, fronte ao público, opta por “cebar máis á privada”. “Saber gobernar é rectificar: rectifiquen”, concluíu na defensa da emenda á totalidade do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG