BNG rexeita a nova reforma de recorte das pensións

Created with GIMP
Created with GIMP

Néstor Rego: “Hai que garantir as pensións futuras e fortalecer o sistema público, o único instrumento que pode permitir que, após unha vida de traballo, todas as persoas teñan o dereito ao merecido descanso cunha pensión digna”

A frente nacionalista apoia as mobilizacións convocadas pola CIG nas diferentes vilas e cidades da Galiza en contra da nova reforma do sistema público de pensións que pretende ampliar o sistema de cálculo e recortar a contía das pensións futuras.

O Bloque Nacionalista Galego apoia as mobilizacións convocadas pola Confederación Intersindical Galega na defensa do sistema público de pensións e mostra a súa oposición á nova reforma anunciada polo Goberno do Estado. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defende garantir as pensións futuras e fortalecer o sistema público como único instrumento que garante que todos os traballadores e traballadoras, após toda unha vida de traballo, gocen do dereito ao descanso cunha pensión digna.

O BNG rexeita de maneira contundente a nova reforma das pensións impulsada polo Goberno español por ser unha proposta regresiva e porque suporá o recorte da contía das pensións futuras –máis de 6%- pola vía do aumento do período de cálculo dos 25 a 30 anos.

O deputado nacionalista lembra que xa na anterior crise económica ese período foi aumentado de 15 a 25 anos. “O BNG reclama que volva a ser reducido e que se permita aos traballadores e traballadoras escoller os mellores anos para que non haxa ningunha perda de capacidade adquisitiva das pensións futuras” reivindica Rego.

“A reforma do Goberno está feita ao ditado das exixencias da Unión Europea e supón un novo recorte social que de ningunha maneira podemos permitir” avanza Néstor Rego. Neste sentido, o BNG, para alén de ter presentado numerosas iniciativas no Congreso, está apoiando todos os movementos sociais que se manifestan en contra da reforma como as mobilizacións convocadas nas diferentes vilas e cidades do País pola Confederación Intersindical Galega (CIG).

O deputado do BNG no Congreso ten claro que, de ningunha maneira a frente nacionalista apoiará medidas que poñan en risco o sistema público de pensións “nin que sirvan para recortar as pensións futuras dos traballadores e traballadoras”. En opinión de Néstor Rego o que hai que facer é “garantir as pensións futuras e fortalecer un sistema público que é o único instrumento que pode permitir que todos os traballadores e traballadoras, após unha vida de traballo, teñan un merecido dereito ao descanso cunha pensión digna”.

Rego denuncia o Goberno por levar a cabo unha política de precarización e privatización nas pensións, tal e como se pode apreciar nas últimas reformas aprobadas, como a introdución e promoción dos plans de pensións de empresa e mesmo a substitución do “factor de sustentabilidade” que implantar o PP polo novo “factor de equidade interxeracional” que poderá ter os mesmos efectos negativos, ao tempo que se penaliza a xubilación anticipada incluso con largas carreiras de cotización e se alonga a idade de xubilación. Neste sentido, o deputado nacionalista considera decepcionante a política en materia de pensión do Goberno de coalición español e urxe a dar un xiro nas accións desenvoltas até o momento. O deputado nacionalista recorda que, tal e como se comprometera en campaña electoral, o Goberno debe “derrogar a reforma das pensións feita polo PP e subir as pensións mínimas xunto co Salario Mínimo Interprofesional”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG