BNG rexeitou no debate parlamentario definitivo dos Orzamentos 2026 a Lei de Medidas Administrativas e Financeiras que o PP utiliza para beneficiar ás súas empresas amigas e atacar dereitos fundamentais da cidadanía, como o do acceso a unha vivenda digna.
Así o argumentou a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, quen denunciou que a Lei de Acompañamento reforma substancialmente medio cento de leis máis e 15 decretos que “nada teñen a ver cos orzamentos” e que teñen consecuencias directas na vida das galegas e dos galegos, “non para mellorala, senón para todo o contrario”, recalcou.
Pese á emenda á totalidade e á batería de emendas parciais presentadas polo BNG para “impedir que se levase a cabo este atropelo”, Rodil recriminou aos populares que pasaran “o rodillo” para aprobar unha Lei que, ao día seguinte da súa entrada en vigor, vai cambiar a vida da xente en cuestións fundamentais.
A viceportavoz do Bloque denunciou en primeiro lugar que a Lei de Acompañamento suporá unha menor protección para o territorio e a paisaxe, “un ataque á biodiversidade en favor das empresas amigas do Partido Popular, especialmente empresas do lobby eléctrico e, por suposto, da santísima trinidade das pasteiras”, remarcou en alusión ao trinomio empresarial Ence-Navigator-Altri.
Neste sentido, explicou que a partir de agora un parque eólico e as súas liñas de evacuación “estarán por riba das Áreas de Especial Interese Paisaxístico, así recoñecidas e protexidas nas denominadas Directrices da Paisaxe.
Deste xeito, un parque eólico e as súas liñas de evacuación terán un interese superior á protección de espazos naturais concretos como a Serra do Suído e os seus hábitats prioritarios que, até a chegada do PP, estaba previsto declarar Rede Natura 2000, exemplificou.
“O PP non protexe nada, vende a prezo de saldo os recursos naturais deste País para seguir cebando o apetito insaciable dun puñado de empresas que se están facendo de ouro a conta das galegas e dos galegos”, criticou, para afirmar a continuación que “o lobby manda e o PP obedece”, como acontece sempre nas súas Leis de Acompañamento.
Un xeito de gobernar, alegou, que se estende tamén ao sector mineiro e, sobre todo, ao forestal, xunto á vivenda, a verdadeira e gran reforma que presentan os populares nesta Lei de Medidas Administrativas e Financeiras, alertou.
Deste xeito, o Executivo de Alfonso Rueda abre a veda a máis eucaliptos, xa que “onde había piñeiro vai haber eucalipto” e “onde a terra xa non valía para seguir repoboando” esta última especie, o que ofrece ás propietarias e propietarios é que “vaian plantalos a outro sitio, onde máis conveña e lles teña maior rendemento económico”.
Isto nun País que ten hoxe máis de 438.000 hectáreas deste cultivo, 25.000 hectáreas máis desde que supostamente estaba prohibido plantalos, afondou para criticar que a proposta de futuro que lle ofrece o PP a Galiza sexa “facer do monte galego un enorme eucaliptal”.
Todo, sen que os beneficios redunden nos veciños e veciñas do rural, o que exemplificou cos datos oficiais do propio IGE, que revelan que o concello que máis ingresa polas cortas de madeira, en Galiza maioritariamente eucalipto, é o da Coruña, seguido dos de Lugo e Santiago, é dicir, ningún do rural, porque este limítase a soportar “os prexuízos ambientais dunha política forestal do PP ao servizo das pasteiras” sen recibir rendemento algún.
Un modelo que contrapuxo ao do BNG, cunha aposta decidida por un monte ordenado e multifuncional, baseado na variedade de especies autóctonas e na xeración de valor engadido a través da segunda e a terceira transformación da madeira, e na recuperación de superficie agraria para o sector primario.
“Galiza nin pode nin debe resignarse a ser só o fornecedor de pasta de papel ou celulosa soluble para exportar cara a fóra, pero vostedes coas súas decisións traballan única e exclusivamente para engordar o negocio da santísima trinidade das pasteiras”, incidiu, logo de tender a man aos populares para acadar un gran acordo de país e aprobar unha moratoria real e indefinida do eucalipto como defende o BNG.
Favorecer a especulación inmobiliaria
En segundo lugar, Rodil advertiu que a Lei de Acompañamento supón “un ataque directo aos dereitos fundamentais da xente deste País, como é o dereito a unha vivenda digna”, xa que ataca directamente os estándares de habitabilidade actuais para “favorecer a especulación inmobiliaria” aproveitando a necesidade da cidadanía. “Facer menos para gañar máis”, sintetizou.
Nesta liña, recordou que, coa incorporación da figura de aloxamento compartido, o Goberno de Rueda permitirá construír vivendas de 30 metros cadrados cunha praza de aparcamento cada cinco vivendas, cando até o de agora a superficie mínima é de 40 metros cadrados.
De feito, unha familia con fillos vivindo nun piso de dúas habitacións tiñan que dispor como mínimo de 56 metros cadrados, pero agora, con esa categoría de aloxamento compartido, tería que apañarse con 38 metros cadrados, e, subliñou, “a prezo de mercado”, porque o Executivo négase a “topar” o prezo das vivendas.
Por se fose pouco, afondou, o PP incorpora outra reforma na Lei de Vivenda para que, a partir de agora, “o acceso á vivenda de protección autonómica en alugueiro pase a depender da promotora do inmoble fronte á fórmula do sorteo público que rexía para todos os casos até agora”, o que abre a porta ao escurantismo e a opacidade e favorece que sexa a empresa promotora quen escolla aos inquilinos do rexistro de demandantes.
“Con que criterios? Cos que ela queira porque o PP na lei non lle pon ningún”, denunciou para advertir das consecuencias dunha decisión que habilitan unha “discrecionalidade” que pode chegar a “favorecer intereses persoais”, nun tipo de promocións de vivenda protexida que, ademais, reciben subvencións públicas de até 50.000 euros por vivenda. “Un despropósito que deixa ben claro cal é a política de vivenda do PP, facer negocio con todo, tamén coa necesidade da xente”, sintetizou.
Unha lousa máis sobre os concellos
Por último, a viceportavoz do BNG considerou a Lei de Acompañamento un “atropelo democrático en si mesma”, dado que impón unha nova lousa sobre os xa “asfixiados concellos galegos”, aos que carga con máis competencias impropias para as que non teñen nin orzamentos nin recursos.
Deste xeito, a partir da entrada en vigor da lei, os concellos deberán exercer o control da maior parte do patrimonio cultural do País, o que suporá un enorme prexuízo para os propios entes locais e para o propio patrimonio, como denunciou o Consello da Cultura Galega nun demoledor informe.
Rodil afeou ao PP que utilice a súa maioría absoluta para desoír o que lle está dicindo un órgano estatutario como o Consello. “Esa é a forma de concibir e exercer o poder que ten o PP e que se reflicte ben nesta lei e no uso abusivo que das leis de Medidas fai o Partido Popular”, concluíu.