O deputado do BNG no Parlamento Daniel Castro vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento para reclamar o Goberno da Xunta que “nin acepte nin permita” a implantación en Galiza da denominada Universidade Emilia Pardo Bazán, promovida polo grupo empresarial Cesuga co obxectivo de comezar a funcionar no curso 2026-27 cun campus propio na Coruña.
Trataríase, de conseguir autorización, da segunda universidade privada que se implante en Galiza, onde xa opera a Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), promovida por Abanca, que o Goberno do PP aprobou en xullo do 2024 no medio dunha ampla oposición social e malia incumprir a Lei de Universidades no que atinxe a multiplicación de titulacións ou o uso da lingua galega como vehicular.
“Estamos diante dunha ofensiva privatizadora na universidade”, advirte o deputado nacionalista, que lembra que o Goberno do PP aínda non se pronunciou sobre o Cesuga, pese a que pasou xa máis dun ano desde que este proxecto recibiu o voto en contra da Conferencia General de Política Universitaria, na que participan o Ministerio e os representantes das diferentes CCAA. O deputado nacionalista lembra ademais que as propias universidades de Santiago, a través do seu claustro, e da Coruña, por boca do seu reitor, se manifestaron en contra da creación do campus de Cesuga.
“O único que aporta a privatización da universidade son maiores diferenzas e máis desigualdade entre o estudantado galego, e por iso desde o BNG volvemos solicitar claramente que non se leve adiante este proxecto e que se aposte pola financiación da universidade pública, que tantos anos leva reclamando que se lle faga caso”, sostén o portavoz nacionalista de Universidade.
Castro subliña que “por se non tivésemos suficiente” con este novo proxecto empresarial, a UIE, de Abanca, vén de anunciar a vontade de ampliar a súa oferta con novos programas de doutorado e a implantación do grao de Enfermería e outros do ámbito das ciencias de a saúde que se sumarían o de Psicoloxía, que prevén impartir o próximo curso, e Dereito, que tamén teñen solicitado.
O BNG xa presentou no Parlamento iniciativas en contra da ampliación da oferta da Universidade de Abanca porque, tanto no caso de Psicoloxía como de Dereito e outros que vén de anunciar, incumpren a Lei do Sistema Universitario de Galiza, que non permite a creación de graos xa existentes na oferta do SUG.
Segundo o deputado do BNG, a UIE pretende así cumprir as novas exixencias estatais para universidades privadas, “as que, tanto a nivel profesional como académico e de investigación, se lles esixe menos que ás públicas, que son as que de verdade xeran coñecemento e igualdade na sociedade”.