Parlamento Europeo

BNG rexeita a escalada militarista que defende Von der Leyen para a Unión Europea

Ana Miranda
Ana Miranda
Ana Miranda alerta de que é a cidadanía a que vai sufrir polo incremento do gasto militar, que vai ter impacto nos fondos de cohesión en Galiza

A eurodeputada e coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, Ana Miranda, expresa a oposición do Bloque fronte a escalada militarista que defende a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen e lanzada nesta semana. “O BNG é unha forza política antimilitarista contra a OTAN, que defende a paz e a resolución pacífica de conflitos e a soberanía dos Pobos”, subliña Miranda.

No marco do Consello Europeo que se reúne hoxe en Bruxelas, o BNG defende unha Europa que aposte pola paz, a democracia, a xustiza social e os dereitos e liberdades. “Todo o contrario desta proposta da UE, incapaz de ofrecer un proxecto autónomo e social para os Pobos europeos e instalada nun discurso belicista e militarista subordinado totalmente á estratexia dos Estados Unidos, que inclúe facerlle pagar aos cidadáns europeos a factura da guerra en Ucraína”, sinala Ana Miranda.

Neste sentido, a eurodeputada galega critica a pretensión da Comisión Europea de aplicar a cláusula de escape do Pacto de Estabilidade para promover o militarismo e a guerra, que supón a suspensión temporal do teito de déficit público do 1,5% para permitir aos Estados Membros un aumento de débeda con fin de incrementar o gasto militar en defensa.

A suspensión do teito de déficit enmárcase no texto que vén de presentar a presidenta da Comisión Europea baixo o nome “ReArm EU” e que ten como obxectivo principal o aumento do investimento público estatal en defensa. Este texto é o esbozo da posición que presentará a Comisión Europea a finais deste mes de marzo sobre o futuro da defensa europea e a estratexia de apoio a Ucraína.

“Fronte a unha UE na que hai máis de 90 millóns de persoas en risco de pobreza e exclusión social, a Comisión Europea pretende desviar os cartos da cohesión social, económica e territorial a gasto militar”, denuncia Ana Miranda, quen salienta que “o recorte nestes fondos de cohesión pode ter unha repercusión moi grave para Galiza en temas sociais, de servizos públicos, pensións, transporte e mobilidade, vivenda e sistemas sanitarios, así como innovación, medio ambiente e no eido dixital”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG