BNG rexeita o aumento en gasto militar, que irá en detrimento das políticas sociais

Néstor Rego
Néstor Rego

O deputado nacionalista, Néstor Rego, critica que o Goberno español aprobe unha partida extraordinaria de 1.000 millóns de euros para armamento nun momento de crise social e económica en que boa parte da poboación o está pasando moi mal

A frente nacionalista destaca que se destina máis diñeiro a incrementar o gasto militar do que se destinou a axudas sociais extraordinarias pola crise, para o que se reservaron 800 millóns. O compromiso de chegar a 2% do PIB suporá até 2030 aumentar arredor de 12.000 millóns de euros

O Bloque Nacionalista Galego rexeita a aprobación dun crédito extraordinario no Consello de Ministros para aumentar neste ano o gasto militar en 1.000 millóns de euros. Néstor Rego denuncia que isto implica reducir os recursos dispoñíbeis en cuestións tan esenciais como políticas sociais, servizos públicos, investimentos ou promoción do emprego. Aliás, entende que o compromiso coa OTAN de aumentar até 2% do PIB -o que suporá entre 10 e 12.000 millóns de euros- hipotecará a capacidade de desenvolver políticas a favor das maiorías sociais precisamente nun momento de grave crise social e económica.

“Cando hai centenas de millares de persoas que o están pasando realmente mal -millóns no conxunto do Estado-, é un despropósito dedicar 1.000 millóns de euros dos recursos públicos, sempre limitados a aumentar o gasto militar. A prioridade deberían ser as políticas de protección social, de desenvolvemento económico e de fomento do emprego”, sinala Néstor Rego, que lembra que para a axuda de 200 € -cuns criterios moi restritivos- se reservaron só 800 millóns de euros.

 O deputado nacionalista asegura que non pode chamarse progresista un goberno cuxa prioridade é aumentar a compra de armamento por riba de atender as necesidades básicas da poboación nun momento de extremas dificultades pola crise de prezos que continúa descontrolada e que implica empobrecemento das clases populares. “Parece que Pedro Sánchez prefire atender o mandato da OTAN e os intereses do complexo militar-industrial dos Estados Unidos que os intereses das maiorías sociais e dos pobos do Estado”, salienta Rego, que recorda que aínda onte a OTAN fixo público que “se aseguraría” de que o Goberno español cumprise.

 “Destinar nun prazo de 8 anos entre 10 e 12.000 millóns de euros a aumentar o gasto militar implica hipotecar a capacidade de desenvolver política sociais e económicas para protexer e mellorar a calidade de vida das maiorías sociais. Repercutirá negativamente na calidade dos servizos públicos e no emprego e implicará novas políticas de recortes sociais. Por iso o BNG rexeita este aumento do fasto en armamento que impón a OTAN e que beneficiará principalmente os Estados Unidos. É máis unha mostra do sometemento de Sánchez e do Goberno español aos intereses do imperialismo norteamericano”, subliña o deputado.

 Néstor Rego advirte que ese compromiso afectará de maneira importante os orzamentos do Estado dos próximos anos e, por tanto, tamén os investimentos no noso País en cuestións esenciais como a mellora das infraestruturas e dos servizos ferroviarios, básico para avanzar en servizos de transporte público con criterios de sustentabilidade. “E lembramos que a Galiza xa está padecendo investimentos inferiores aos que lle corresponderían: no ano 2021 baixaron 11% -mentres que a maioría  das Comunidades Autónomas subían por riba de 50%- e ademais só foron executados en 67,2%. Que o Goberno compre máis armamento aos EUA non vai solucionar os problemas do noso País”, enfatiza Rego.

Por iso, para rexeitar esta medida do Goberno, o deputado nacionalista destaca a importancia de que a Galiza teña capacidade de decidir de forma soberana en función dos propios intereses. “Cando a Galiza tiver soberanía tamén terá a capacidade de estabelecer as prioridades políticas necesarias para desenvolver as súas potencialidades económicas, para acabar coa crise industrial, para promover a creación de emprego e deter a sangría migratorias ou para asegurar servizos públicos de calidade; en definitiva, para mellorar a calidade de vida e de benestar de todos os galegos e galegas”, conclúe Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG