BNG rexeita por antisociais as peaxes na autovías

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego considera que, sen alternativas reais de transporte público, non é una medida ‘verde’, senón una nova estafa aos galegos e galegas.

A fronte nacionalista rexistrou una iniciativa no Congreso para evitar que a implantación de portaxes prexudique as persoas usuarias e o desenvolvemento económico do noso País.

O BNG vén de rexistrar iniciativas no congreso para rexeitar a pretensión do Goberno español de implantar portaxes en todas as autovías estatais. O deputado nacionalista denuncia que, por non existiren alternativas de transporte público adecuadas, esta medida prexudicaría gravemente o noso País, especialmente as clases populares e as actividades económicas, que perderían competitividade.

Despois de ser anunciada hai meses polo entón ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, e motivo de posterior rectificación, nos últimos días tres responsábeis do Ministerio de Transportes, incluída a actual ministra, Raquel Sánchez, anunciaron a intención do Goberno de implantar peaxes nas autovías que entrarían en vigor como moi tarde no ano 2024.

Para xustificar esta medida, ademais de razóns económicas (custos de mantemento) esgrímense criterios ambientais, que teñen que ver coa transición enerxética e a ‘desincentivación’ do uso do vehículo privado.

O BNG considera cuestionábeis os argumentos utilizados polo Goberno español para avanzar cunha medida que cualifica de “antisocial e antigalega”.

No que atinxe ás razóns de tipo económico, o deputado nacionalista sinala que é un argumento perigoso porque pode ser aplicado ao conxunto dos servizos públicos e que neles o ‘pagamento por uso’ “suporía unha deriva cara ao neoliberalismo extremo con consecuencias desastrosas para as maiorías sociais e os sectores máis vulnerables”.

Canto ás pretendidas razóns ambientais, Néstor Rego salienta que é evidente que “non é posible ‘desincentivar’ o uso do vehículo privado se non existen alternativas adecuadas de transporte público que cubran as necesidades diarias da poboación e da actividade económica, especialmente con medios eficaces e sostibles como o ferrocarril, como é o caso de Galiza”.

Nese sentido, o deputado subliña que a implantación de portaxes nas autovías representará unha lousa desde o punto de vista social e económico “nun País con gran dependencia do vehículo particular e do transporte por estrada por non posuír transportes públicos adecuados nin unha rede ferroviaria á altura das necesidades do século XXI, especialmente para o transporte de mercadorías”.

Rego enfatiza que nesas condicións, o pagamento por uso en todas as autovías tería graves consecuencias negativas para todos os galegos e galegas, sobre todo para as clases populares e para os custos das actividades económicas, especialmente nun País que ten unha localización xeográfica periférica na Península e en Europa.

“Máis grave aínda se temos en conta que, desde que o pasado 1 de  setembro foron liberados de peaxe máis de 500 km de autoestradas  noutros puntos do Estado español e a Galiza pasou a ser a comunidade con máis quilómetros de autoestradas de peaxe (331) e dúas das 3 autoestradas estatais con concesións de longa duración (AP-9 e AP-53) están no noso País”, sinala.

Para o BNG é evidente que o primeiro efecto dunha medida destas características sería o de aumentar o tránsito nas vías convencionais, xa en moitos casos colapsadas e onde se producen a maioría dos accidentes con resultado de morte. “Isto é especialmente preocupante na Galiza polas características do noso hábitat e a configuración da nosa rede viaria convencional maioritariamente rodeada de vivendas e actividades”, salienta Rego, que pide que o Goberno avalíe tamén as consecuencias do desprazamento da mobilidade das autovías á rede convencional, particularmente en relación cos custos sociais que pode implicar.

“Reducir o número de accidentes e de falecementos por violencia viaria debe ser un obxectivo prioritario. As peaxes nas autovías terían sen dúbida o efecto contrario: maior custo en vidas humanas e tamén maior custo en gasto sanitario e social”, afirma.

Para Néstor Rego está claro que, sen alternativas previas de mobilidade eficiente e sostible, implantar peaxes nas autovías “non é unha medida ecolóxica, é simplemente antisocial e  antigalega. Non é unha medida ‘verde’, é unha nova estafa aos galegos e galegas. Os ricos sempre poderán pagar as autovías. As portaxes van gravar as clases populares e implicar un sobrecusto para as empresas galegas que continuarían perdendo competitividade”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG