O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia o voto favorábel da organización nacionalista na convalidación do Real Decreto-lei 7/2026 polo que se aproba o Plan Integral de Resposta á Crise provocada pola guerra dos EUA e Israel contra o Irán. A pesar de entender este paquete como insuficiente, o BNG -por responsabilidade política- garante a aprobación de medidas necesarias para protexer Galiza e as maiorías sociais.
“Por responsabilidade política coas maiorías sociais que precisan dalgunhas medidas que no decreto están incorporadas, o BNG votará a favor desta convalidación a pesar de considerar que é un decreto insuficiente e que non recolle medidas propostas polo BNG como topar o prezo dos combustíbeis, produtos de primeira necesidade, servizos básicos, hipotecas ou alugueres” avanza o deputado do BNG. O mesmo acontece, engade, ante a ausencia dunha política fiscal máis xusta e redistributiva coa recuperación de impostos ás grandes enerxéticas, á banca, ás grandes fortunas.
Paralelamente, o deputado nacionalista sinala que -após negociacións co executivo- existe un compromiso claro para que exista “unha vixilancia estrita na tramitación das ZAR para evitar que a Xunta do PP poida facer un uso perverso destas e para asegurar que non sirvan como unha porta máis para un boom eólico que no caso da Galiza ten un carácter absolutamente depredador e antisocial ao servizo das grandes empresas enerxéticas”.