BNG require coñecer o grao de execución do fondo de promoción audiovisual en galego, euskera e catalán

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego demanda a sinatura dos convenios cos organismos competentes nesta materia para a transferencia dos 10,5 millóns de euros conseguidos polo BNG, ERC e EH Bildu durante a tramitación dos Orzamentos

A frente nacionalista apunta a necesidade de ampliar a partida para unha mellor e máis adecuada financiación da industria cinematográfica e audiovisual en linguas diferentes do español

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra preguntas dirixidas ao Goberno para coñecer o grao de execución do fondo de 10,5 millóns para a promoción audiovisual nas linguas diferentes do español inserido nos Orzamentos para 2022. A organización nacionalista require información sobre os criterios de repartición do fondo entre os distintos territorios e administracións, a data para a transferencia a través da sinatura de convenios cos organismos competentes e se existe a posibilidade de ampliar a partida para un mellor financiamento da industria.

A emenda presentada polo BNG, EH Bildu e ERC durante a tramitación dos Orzamentos do Estado para 2022 conseguiu ser aprobada tras unha emenda transaccional que creaba un fondo de 10,5 millóns a transferir mediante convenios aos organismos competentes dos distintos territorios con lingua propia. Esta partida tiña como obxectivo promover a produción, distribución e promoción da industria cinematográfica e audiovisual en galego, catalán e euskera.

Pasados máis de oito meses desde a entrada en vigor destes orzamentos e, entrados no mes de setembro, descoñécese se se executou esa partida e mesmo os criterios para a repartición do fondo entre os distintos territorios que poderían participar del. “Queremos coñecer o estado actual da tramitación da transferencia de crédito aos organismos das diferentes administracións con lingua propia e competencias en materia de promoción audiovisual, así como dos criterios de repartición que desde o Goberno se están aplicando para adxudicar os fondos” anuncia o deputado do BNG.

“Descoñecemos, a día de hoxe, se se tivo contacto con estes organismos e mesmo se se asinaron os convenios –tal e como recollía a emenda- con todas as entidades dos diferentes territorios que poden participar deste fondo” subliña Rego. Alén do máis, ao ser varios os territorios que poden optar a este fondo para o financiamento da industria cinematográfica e audiovisual en galego, catalán ou euskera, a frente nacionalista procura coñecer os criterios de repartición do fondo e mesmo, se callar, “a posibilidade de ampliar esta partida para un mellor e máis adecuado financiamento”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG