BNG require ao Goberno dotar e mellorar o CAMF de Ferrol para ofrecer un servizo de calidade

CAMF Ferrol
CAMF Ferrol

Rego reclama cubrir de maneira urxente as prazas vacantes no cadro de persoal do centro, evitando os contratos temporais, para garantir un mellor servizo ás persoas usuarias

A organización nacionalista propón unha reforma integral das instalacións, após 30 anos con parches que non atendían á mellora enerxética, funcionalidade e accesibilidade

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado dote de medios e mellore as instalacións do CAMF de Ferrol. A organización nacionalista reclama cubrir as prazas vacantes no cadro de persoal do centro e garantir unha adeacuada atención ás persoas usuarias que residen no CAMF, así como estabelecer unha partida económica suficiente para acometer a rehabilitación integral das instalacións, atendendo á mellora enerxética, funcionalidade e accesibilidade, ademais da achega dos medios técnicos precisos para o desenvolvemento da súa actividade.

Despois da visita realizada polo deputado nacionalista ao centro e a reunión co persoal do centro e representantes das persoas usuarias, Rego rexistra iniciativas para a mellorar  Centro de Atención a Persoas con Diversidade Funcional de Ferrol (CAMF), pertencente ao IMSERSO. Estas instalacións prestan unha atención directa, de carácter especializado e integral ás persoas con diversidade funcional e dependencia, con servizos en réxime de internado ou de atención diúrna, desde un enfoque socio-sanitario e de asistencia, contando para iso cun amplo equipo multidisciplinar con experiencia demostrada nas distintas áreas de intervención.

“O servizo prestado polo IMSERSO estase reducindo até o punto que as persoas residentes e o persoal do centro retomaron as mobilizacións o pasado 12 de maio. Denuncian a perda de calidade que está a sufrir a prestación dos servizos debido, principalmente, ás carencias en materia de recursos humanos e o grave deterioro das instalacións” explica o deputado do BNG no Congreso.

Tanto a asociación de residentes do centro (ACAFE) como o Comité de Empresa sinalan que se produce un abuso da contratación temporal, dedicado a cubrir as necesidades estruturais de persoal existentes. Isto provoca que anualmente se superen os 1000 contratos por circunstancias da produción e denota a insuficiencia de persoal fixo necesario para a correcta prestación dun servizo tan especializado. Nas actuais circunstancias, segundo sinalou o deputado nacionalista, as queixas de residentes e a sobresaturación do persoal poñen de manifesto a urxente necesidade de realizar actuacións.

“Demandamos ao executivo estatal que cubra de inmediato o elevado número de postos vacantes existentes no cadro de persoal do centro utilizando as formas contractuais que mellor se axusten ás necesidades da empresa, o persoal e á adecuada atención das persoas usuarias” afirma Rego. Así mesmo, o deputado reclama que se cubran definitivamente as numerosas prazas vacantes que existen, así como destinar novo persoal que permita unha adecuada atención ás persoas usuarias que residen no  CAMF.

Así mesmo, o centro está situado nun edificio construído hai máis de 30 anos, deseñado para unhas condicións de traballo que “nada teñen que ver cos actuais requisitos técnicos, que se exixen para un servizo dirixido a un colectivo cunhas necesidades tan específicas”. En todos estes anos, nunca se acometeu unha reforma integral para adaptalo a estas esixencias. Por este motivo, o deputado do BNG reclama estabelecer unha partida económica suficiente para “acometer a rehabilitación integral das instalacións do CAMF de Ferrol, atendendo especialmente á mellora enerxética, funcionalidade e accesibilidade, ademais da subministración dos medios técnicos precisos para o desenvolvemento da súa actividade.”

Para a organización nacionalista, esta situación non pode alongarse máis no tempo. O Goberno do Estado e, concretamente, o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 deben solucionar os numerosos problemas que arrastra este centro público de maneira urxente “e sen parches”. 




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG