BNG reproba o veto do PP e a abstención do PSOE a que a Xunta compre a nave de Calvo en Esteiro para proxectos do mar

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez tilda de “oportunidade perdida” para o sector marisqueiro e pesqueiro da comarca Muros-Noia a renuncia á adquisición das instalacións

“Hai que ter as luces moi curtas para non ver que as instalacións de Calvo en Esteiro son unha oportunidade para o sector pesqueiro e marisqueiro da comarca de Muros-Noia”. Así lamentou a portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, o voto negativo do PP e a abstención do PSOE á iniciativa do BNG no Parlamento galego para que a Xunta inicie conversas co grupo Calvo co obxectivo de facerse coa propiedade da nave e destinala a proxectos de desenvolvemento de actividades relacionadas coa pesca e o marisqueo.

“É unha mágoa que vostedes non se dean conta das posibilidades que ofrecen estas instalacións para o sector; é claramente unha oportunidade perdida”, reprochou logo de indicar que o seu prezo, dun millón de euros logo da poxa que vén de declararse deserta, “é dun valor pequeno ante as posibilidades que ofrecen para desenvolver iniciativas de gran interese relacionadas cun sector que, a día de hoxe, sostén miles de empregos na comarca”.

Así, entre as posibles utilidades que podería ter o complexo -que con varias construcións diferenciadas abrangue unha superficie de case 19.000 m2 ao lado do mar- Pérez apuntou, por exemplo, á creación dunha cooperativa de transformación do produto que poña en valor a súa orixe, coa participación das confrarías da zona e mesmo dos concellos. De igual xeito, explicou que as instalacións podería dar cabida a equipamentos tan necesarios como unha depuradora de moluscos, un criadeiro de semente que contribúa a mellora a produción dos bancos marisqueiros ou a un laboratorio de análises e/ou investigación.

Ao seu xuízo, as posibilidades serían múltiples de cara ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) que iniciará en breve o seu novo programa 2021-2027, do que Galiza recibirá 735 millóns para a mellora da competitividade e a protección e restauración da biodiversidade. Neste sentido, a deputada nacionalista recordou que un “recurso valiosísimo como o berberecho de Noia” non conta co recoñecemento de Denominación de Orixe porque o ciclo de produción tense que pechar no mesmo territorio.

“Esta sería unha posibilidade a medio prazo”, exemplificou sobre o futuro uso dun complexo produtivo que podería xerar ademais un importante número de postos de traballo na comarca. “Non entendemos que a Consellería do Mar, que debe ter iniciativa política, que debe saber ver este tipo de oportunidades, deixe pasar esta”, concluíu.   
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG