Ano Castelao

BNG reivindica un Castelao que hoxe denunciaría a xestión dos lumes e faría fronte a un PP que espolia o territorio

Lucía López e Rubén Cela
Lucía López e Rubén Cela
O Bloque e a Fundación Galiza Sempre organizan un simposio para ter unha  visión máis integral e menos deturpada da súa figura, obra e pensamento

O BNG e a Fundación Galiza Sempre presentaron este xoves o Simposio Castelao para abordar a figura da persoa, escritor, artista, dirixente político, pensador e ideólogo dun xeito integral, para ter unha visión “menos deturpada da súa figura, obra e pensamento”. 

Así o afirmou o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, encargado de anunciar os participantes do que será o congreso “máis potente” dos actos de celebración que se veñen realizando durante este ano polo 75 aniversario do pasamento de Castelao. 

Para a responsable de Organización do BNG,  Lucía López,  o simposio quere ser unha reflexión sobre “unha figura esencial para entender Galiza non só como artista, escritor ou pensador, senón tamén como político e referente do nacionalismo galego”. O obxectivo é, afondou, “situar a súa obra, o seu compromiso e a súa visión de Galiza no centro do debate político e social de hoxe”, porque —engadiu— “falar de Castelao non é falar do pasado, é falar de presente e de futuro, da nosa dignidade nacional e do dereito a existir como nación no mundo”.

“Un Castelao que, sen dúbida,  se vivise na Galiza de hoxe,  estaría facendo fronte a un Partido Popular que desde o Goberno galego promove o espolio e a depredación de Galiza, poñéndolle a alfombra vermella a multinacionais como Altri. Un Castelao que, sen dúbida, denunciaría a política de abandono e a nefasta xestión fronte á vaga de lumes” dixo, lembrando a súa famosa frase “vale máis unha terra con árbores nos montes que un Estado con ouro nos bancos”.

López tamén reivindicou un Castelao que, “sen dúbida, triparía todos os camiños dunha punta a outra do País defendendo o dereito das nenas e nenos galegos a coñecer a súa lingua propia”.

Rubén Cela enxalzou así mesmo a figura de Castelao como patrimonio do pobo galego, advertindo dos intentos de deturpación e manipulación da obra e pensamento de quen foi, “ante todo e sobre todo”, un nacionalista galego.

Participantes no simposio

Tal e como anunciou  o presidente da Fundación Galiza Sempre, o simposio farase con  algunhas das persoas “que máis saben de cada unha das facetas de Castelao e que máis as teñen estudado”

Así, para falar do ilustre rianxeiro como persoa, o simposio conta cun panel “de luxo”:  Miguel Anxo Seixas, autor do máis profundo estudo da súa figura; a xornalista e escritora Montse Fajardo,, a maior especialista en Virxinia Pereira, a “moi invisibilizada” dona de Castelao; e Xosé Luís Axeitos, membro da Real Academia Galega, escritor e investigador especializado tamén na súa figura.

Tres profesores e ensaístas afondarán na figura do Castelao escritor, María do Carme Fernández, Marta Dacosta e Xoán Costa; e para tratar a vertente artística, o simposio conta coa historiadora da Arte Iria Friné, o historiador e crítico Carlos Bernárdez e o ilustrador e deseñador, autor da proposta do espazo expositivo da Estación Intermodal Daniel Castelao, Pepe Barro.

Para abordar  a súa vertente política, intervirán como expertos o historiador e investigador da Universidade da Coruña, o autor Manolo Rei e o profesor de Filosofía da Universidade de Vigo, Pilar Allegue.

A maiores dos relatores, asistirán como convidados especiais a xornalista Tareixa Navaza, que “representa o que foi a oposición a ese modelo de traída dos restos de Castelao”, o artista gráfico Xosé Lois “O Carrabouxo”, e o actor director e narrador Quico Cadaval, que fará un monólogo ex profeso para o simposio arredor da figura de Castelao.

Cela anunciou que, unha vez pasado o simposio, que terá lugar o vindeiro 8 de novembro na Facultade de Comunicación de Santiago de Compostela, cara a final de ano está prevista a publicación dun libro que recollerá as intervencións de Castelao nas Cortes republicanas, na que se incluirá material inédito, tanto gráfico como textos manuscritos do político no Congreso. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG