O BNG reitera a petición de investigación da presunta corrupción da Casa Real tanto pola Xustiza como polo Congreso

Ana Pontón
Ana Pontón

Pontón advirte que as denuncias no van amedrentar ao Bloque e pide a Xustiza que traballe “para que ninguén quede por riba da lei calquera que sexa o seu apelido”

Considera que a sociedade está “escandalizada” polas informacións que apuntan a negocios “escuros” arredor da monarquía dos Borbóns

O BNG salienta que ningunha denuncia vai conseguir silenciar a súa petición de que se investigue até as últimas consecuencias a suposta corrupción da monarquía tanto por parte da Xustiza como, no ámbito político, por parte do Congreso creando unha comisión ad hoc.

Así o indicaba a portavoz nacional, Ana Pontón, despois de coñecer, de novo a través dos medios de comunicación, que non prosperaba unha denuncia ante a Audiencia Nacional na que se solicitaba a apertura de dilixencias contra a líder nacionalista por supostas inxurias contra a Casa Real.

“Se alguén pensa que con este tipo de denuncias vai calar ao BNG xa lle digo que se equivoca, ao contrario, danos máis azos para seguir denunciando unha situación que non compartimos en termos democráticos como é a existencia da monarquía e, sobre todo, que é necesario que se investigue a corrupción que rodea á Casa Real e que os Borbóns se senten no banquillo dos acusados”, recalcou.

Pontón cualificou de “irregular” o feito de que toda a información sobre a denuncia contra o Bloque fose filtrada a través dos medios de comunicación sen ningún tipo de comunicación oficial, tanto a posibilidade de abrir dilixencias previas contra a portavoz nacional como agora que, de novo a través dos medio, se filtra que se pecha.

“En todo caso, a cuestión de fondo, -entende Pontón-, é que se poida investigar a unha persoa por criticar a monarquía nun momento no que, ademais, hai un debate aberto na sociedade escandalizada ao coñecer os negocios escuros da Casa Real”, no que se están investigando o suposto cobro de comisións derivadas de contratos de adxudicación de obras do AVE en Arabia Saudí, a investigación desde Suíza por presuntas doazóns ou a disposición de contas bancarias en paraísos fiscais.

“O importante é que se xulguen eses feitos e que a xustiza traballe para que ninguén, calquera que sexa o seu apelido, poda estar por riba da lei porque é anacrónico a impunidade coa que se cobre a Casa Real e tamén é anacrónica unha institución na que a xefatura do Estado non é escollida pola cidadanía senón que vai por vía hereditaria”, indicou.

Neste sentido, avanzou que o BNG “seguirá defendendo con claridade e sen pelos na lingua o que está pasando e reclamando no Congreso unha investigación entorno a todos estes casos que están saltando a opinión pública e que apuntan á corrupción na Casa Real porque é o mínimo que se pode esixir en termos democráticos neste momento”, subliñou a líder nacionalista.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG