BNG recrimina á Xunta que non amplíe a Rede Natura para protexer as Brañas do Deo e continúe da man do lobby eléctrico e forestal

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas reproba ao Goberno do PP a parálise da ampliación da Rede para protexer este espazo e favorecer así a especulación dos intereses privados
BNG recrimina á Xunta que non amplíe a Rede Natura para protexer as Brañas do Deo e continúe da man do lobby eléctrico e forestal

A deputada nacionalista Mercedes Queixas recriminou á Xunta no pleno do Parlamento galego que non amplíe a Rede Natura para protexer as Brañas do Deo, zona de alto valor ecolóxico e núcleo da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, logo que o PP rexeitara a iniciativa do BNG para que o Goberno galego inicie xa os trámites para a súa inclusión na Rede e, en consecuencia, informe negativamente todos os proxectos eólicos e plantacións forestais que afectan a este espazo.

“Saquen do caixón o proxecto de ampliación da Rede Natura que teñen agochado dende o ano 2011”, reclamou Queixas, para a continuación censurar ao PP que non fose quen de explicar por que segue sen aprobarse a ampliación da Rede, que anunciara xa en 2011, e “cando a UE llo recriminou continuamente, cando impuxo sancións e cando temos o anuncio dun novo procedemento de investigación e sanción con data de 20 de febreiro de 2021”.

Logo de criticar ao Executivo galego que “nin fixeron, nin van facer” para protexer estes humidais de importancia estratéxica para a preservación da diversidade biolóxica, a regulación do ciclo hidrolóxico, a prevención de Asolagamentos e a prevención do cambio climático, acusouno de que “todo o que levan anunciado son plans de futuro absolutamente baleiros e o que tiña que estar feito, non foron quen de facelo durante 12 anos”.

A deputada do BNG afeou á Xunta o estado de degradación no que se atopa este espazo, ameazado ademais pola tramitación de seis megaproxectos eólicos e un proxecto privado de plantación de eucalipto presentado “casualmente” o día antes do comezo da moratoria de plantacións desta especie invasora. En resposta aos supostos instrumentos de protección cos que o PP di que xa conta a Administración galega, replicou que “eses sucesivos instrumentos de xestión, procedementos, procedementos e procedementos, son absolutamente inútiles e ineficaces para o obxectivo que supostamente están elaborados” e, amosando distintas imaxes con plantacións eucaliptais no contorno das Brañas do Deo, “convertidas xa en eucaliptal”, cuestionou con severidade: “vostedes dirán; unha de dúas, ou teñen autorización para plantalos ou son ilegais e vostedes non fan nada”.   

Neste sentido, e logo de explicar que a proposición non de lei do Bloque incluía -ademais da incorporación dos humidais do Deo na Rede Natura- a apertura de expedientes ás entidades promotoras dos procesos de degradación e destrución dos hábitats de interese comunitario e prioritario neste espazo, así como a elaboración dun Plan de protección, conservación, recuperación, educación ambiental e dinamización das Brañas, recriminou ao PP que a súa emenda de substitución a esta proposta fóra que a Xunta “complete os estudos necesarios a efectos de determinar os hábitats ou especies de interese comunitaria presentes nas Brañas do Deo co obxectivo de pode establecer un plan de conservación deste enclave”. “Levan 12 anos estudando, estudando e estudando e aínda non foron capaces de aprobar!”, censurou, para concluír a continuación: “Desculpe, pero as súas convocatorias remataron, parécenos unha indecencia que presenten isto”.

Durante a defensa da iniciativa, Queixas advertiu do preocupante nivel de degradación no que se atopa este espazo natural sobre o que, advertiu, “leva camiño de se converter nunha irreversíbel depredación do medio natural”, provocada pola que definiu como “alianza do capitalismo máis desapiadado e o Goberno do PP, tan connivente e tolerante con abrazos dos consellos de administración do lobby eléctrico e forestal, como fío e distante co clamor social que está a defender a biodiversidade do noso medio natural”.

Neste sentido, quixo recoñecer e pór en valor o compromiso da sociedade “que está a rebelarse contra a opacidade, a intransixencia e mesmo as actitudes mafiosas de empresas enerxéticas e dun Goberno que só lle dá a calada por resposta atendendo parece ser só os intereses das empresas privadas” e, nomeadamente, á Plataforma veciñal Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo, Plataforma veciñal a-legre, Plataforma veciñal Monfero di non aos macroeólicos, SOS Patrimonio Monte do Gato-Seselle, Fundación Fragas do Mandeo de custodio do territorio e á Sociedade Galega de Historia Natural das Mariñas, que asistiron ao debate parlamentario da proposición non de lei defendida polo Bloque.

Queixas repasou os 12 anos de “abandono medioambiental” aos que leva sometendo o PP a un espazo que fai parte como Lugar de Interese Comunitario (LIC) dunha área proposta para ampliación da Rede Natura en Galiza en 2008 e en 2011, tal e como demanda a UE, e que, ao seu xuízo, responde ao obxectivo de “favorecer a especulación dos intereses privados”.

Así pois, e logo de repasar o acontecido nestes anos cos humidais, o único que fixo a Xunta, segundo recalcou, foi “disimular” cun Plan Director Rede Natura 2014, “contra o que fixo un informe demoledor a UE pola súa incapacidade para protexer”. “Disimular, cando os concellos de Aranga e Curtis quixeron avanzar na protección das Brañas do Deo con propostas de modificación do PXOM; disimular, cando o estudo sobre conservación e xestión de humidais elaborado polo IBADER en 2017 advertía sobre a destrución destes hábitats facendo referencia ás consecuencias da intensificación agroforestal; e disimular cando promove, moi hipocritamente, a elaboración da Estratexia da Infraestrutura Verde da área da Coruña, un plan que exixe a UE para frear a degradación de ecosistemas prioritarios, onde advirte da degradación das Brañas do Deo e propón a protección deste espazo”, incidiu, para concluír que o Executivo de Núñez Feixóo “denuncia unha degradación promovida pola falta de instrumentos de protección de maior rango que lle compete, mais non fai nada para remedialo en 12 anos”.

Para a deputada do BNG, a parálise da ampliación da Rede Natura que permitiría protexer os humidais, é unha “parálise intencionada para desprotexer o territorio e abrir cancelas ás agresións” e, nesta liña, rematou a súa intervención reclamando unha vez máis ao PP que saque do caixón o proxecto de ampliación da Rede dunha vez por todas ou que explique claramente por que non o fai. “Porque, miren, Galenergy e Greenalia xa temos moi claro que miran por este territorio polo seu interese particular e privado, pero o que teñen que dicirnos vostedes é quen vela entón polo territorio dunha forma integral, quen vela polo noso medio natural? Debería ser a Xunta do PP e non o está a facer”, concluíu. 
 

BNG recrimina á Xunta que non amplíe a Rede Natura para protexer as Brañas do Deo e continúe da man do lobby eléctrico e forestal