BNG recrimina á Xunta que aínda non leve investido nin a cuarta parte do orzamento do Plan de Saúde Mental e que non cubrira nin a metade das prazas de profesionais previstos

Montse Prado
Montse Prado
Montserrat Prado afea ao PP o relato da falta de profesionais cando hai 160 psicólogos e psicólogas clínicas dispoñibles na lista de contratación

BNG recrimina á Xunta que, dous anos despois da súa aprobación, aínda non investiu nin unha cuarta parte dos 83 millóns de orzamento co que está dotado o Plan de Saúde Mental de Galiza 2020-2024 e tampouco cubrira nin a metade das prazas de profesionais previstos (117 de 241) e que xa é a metade dos que facían falta hai 25 anos, tal e como confirman os datos facilitados en comisión parlamentaria polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas a pregunta da portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado.

Prado reprochou ao Executivo do PP que, logo de 13 anos no goberno, “veña aínda agora con anuncios e promesas” diante da grave situación na que se atopa a atención á saúde mental nun contexto postpandémico que esixe actuacións urxentes ante o incremento dos problemas psicolóxicos e cunha incidencia especialmente preocupante entre a xente máis nova.

Por iso, urxiu á Xunta a comprometer, cando menos, 21 millóns nos orzamentos de 2023.  “É urxente destinar recursos e medios para atender as necesidades de atención psicolóxica e psiquiátrica dunha cidadanía sometida ao estrés emocional de perdas humanas, pero tamén económicas, laborais e sociais”, advertiu, para reprochar a continuación que, lonxe de facelo, o PP aplicou recortes sistemáticos na sanidade pública que converteron a atención á saúde mental nunha das grandes damnificadas.

Así, a deputada nacionalista recalcou que Galiza está á cola do Estado na dotación de profesionais especialistas e advertiu que o cadro de persoal co que contamos actualmente “significa o 68% do preciso en psiquiatría, o 49% do necesario en enfermería; o 50% do de psicoloxía, o 27% do de traballo social e o 32% do de terapia ocupacional”.

Nesta liña, Prado apuntou que a Atención Primaria non conta nin tan sequera con profesionais especialistas en saúde mental nos 463 centros de saúde galegos, ao que sumou que só hai sete profesionais de enlace entre a Atención Hospitalaria e a Primaria (un por área sanitaria) e só tres unidades de psicoxeriatría, pese ao peso que ten a poboación de máis de 65 anos no País.  

A estes datos engadiu o feito de que, pese á altísima prevalencia do suicidio en Galiza -a maior do Estado xunto a Asturias-, a sanidade pública galega tampouco ten unha unidade de prevención do suicidio, “xa non por distrito, senón tan sequera por área sanitaria”.

A portavoz nacionalista de Sanidade censurou ao PP a construción dun relato sobre a falta de profesionais cando, no caso concreto da saúde mental, hai agora mesmo 160 piscólogos e psicólogas clínicas nas listas de contratación. “Incorporen a estes profesionais á Atención Primaria, e fagan o mesmo con outras categorías profesionais como traballadoras sociais ou terapeutas ocupacionais”, reclamou ao director xeral de Asistencia Sanitaria.   

Segundo afondou, esta infradotación tanto orzamentaria como de profesionais trae como consecuencia tempos de espera inaceptables, cunha lista de agarda que supera as 10.000 persoas para unha primeira consulta en psiquiatría e que se mantén nun aumento progresivo nos últimos anos, xa que ascendía a 4.000 persoas en 2019 e a 8.500 en 2019.

Ademais, subliñou que Galiza lidera o consumo de psicofármacos no Estado, dato que evidencia a necesidade de poñer medidas urxentes en materia de saúde mental sobre a mesa: “persoas medicadas durante un ano sen pasar por unha ou un especialista; alguén pode imaxinarse que unha persoa cun problema cardíaco grave estea cunha pastilla anos sen pasar por un cardiólogo?”, cuestionou. “Póñanse as pilas e metan o acelerador para que a atención á saúde mental sexa real”, emprazou ao Executivo do PP para concluír a súa intervención. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG