BNG recrimina á Xunta o anuncio “propagandístico” dun 3º médico para o centro de saúde de Pantón e advirte das súas promesas incumpridas previamente en reiteradas ocasións

Carme Aira
Carme Aira

Carme Aira afea o compromiso por coincidir coa proposta do Bloque hoxe no Parlamento: “mentres non se materialice, é un médico de nota de presa”

A iniciativa nacionalista para que o Sergas repoña a totalidade do persoal facultativo do centro acada a unanimidade da Cámara galega

A deputada nacionalista Carme Aira recriminou á Xunta no Parlamento galego o anuncio realizado hoxe da cobertura estable da terceira praza de médica no centro de saúde de Pantón, “dun modo oportunista, efectista e propagandístico”, xa que, curiosamente, prodúcese o mesmo día que o Parlamento galego debate unha iniciativa do BNG na que se insta ao Goberno galego a repoñer a totalidade do persoal facultativo do centro.

“Vese que médicas e médicos hai, o que pasa é que o Sergas espera a que se traian ao Parlamento iniciativas deste tipo para inactivalas prometendo estabilidades para as e os profesionais e para atención sanitaria, aínda que nesa nota de prensa se subliña que será realidade nas vindeiras semanas”, reprochou, para advertir a continuación das promesas realizadas previamente en numerosas ocasións polo Goberno do PP e que foron incumpridas.

“Mentres non se materialice esta decisión e o ou a facultativa estea desenvolvendo o seu labor no centro de saúde, este é un médico de nota de prensa”, concluíu con severidade do anuncio que, ao seu xuízo, “é para deixar tranquilo ao alcalde, que andaba algo atribulado con este tema, e veremos en que remata esta promesa” e que, segundo recalcou tamén, “non invalida por tanto a iniciativa parlamentaria do BNG”, que foi aprobada finalmente por unanimidade na Cámara galega.   

Así pois, na súa proposición non de lei, a deputada nacionalista defendeu a urxencia de repoñer a totalidade do persoal facultativo do centro para manter completa a súa carteira de servizos e facilitar así á cidadanía de Pantón unha atención de calidade e en condicións de igualdade coas persoas usuarias doutros municipios en canto a proximidade e accesibilidade.

Aira apuntou os problemas que ten unha poboación dispersa (2.500 habitantes distribuídos en máis de 200 entidades de poboación repartidas en 147 quilómetros cadrados) e cunha elevada media de idade para recibir atención sanitaria no concello, o que a obriga moitas veces a pagar taxi, porque non existen medios de transporte público, “para ir á médica, que se non está en Pantón, teñen que ir ao PAC a Monforte, facendo quilómetros e quilómetros”. Neste sentido, reprochou ao PP que, no canto de fortalecer os servizos públicos básicos no rural, o que está a facer é “deixalo sen eles, como pasa coa pediatría que xa onde vai hai que acudir a Monforte”. “É dicir, todo conduce a baleirar Pantón, no canto de fixar a poboación que hai e atraer máis”, criticou. De igual xeito, recalcou a incongruencia da promesa dun novo centro de saúde cando o que se precisa é persoal facultativo. “O BNG non se opón a unha nova infraestrutura, o que dicimos é que se o que se necesitan son médicxs, primeiro haberá que contratar médicxs”, concluíu.     

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG