BNG reclamará no vindeiro pleno un novo modelo de residencias, a transferencia de Tráfico e Seguridade viaria e o reforzo da Atención Primaria

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil anunciou o apoio do BNG ás concentración convocadas pola Plataforma SOS, Sanidade Pública para incrementar os medios, persoal e dotación económica na Atención Primaria  
BNG reclamará no vindeiro pleno un novo modelo de residencias, a transferencia de Tráfico e Seguridade viaria e o reforzo da Atención Primaria

A portavoz do grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil anunciou que o BNG levará ao vindeiro pleno do Parlamento un novo modelo de xestión para as residencias de maiores, a reclamación da transferencia, en materia de Tráfico e Seguridade viaria e medias para reforzar a Atención Primaria.

Rodil avanzou que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará a Feixóo polas previsións da Xunta nas residencias de maiores e o “cambio de modelo” que propugna o BNG para a súa xestión.

A nacionalista explicou que a   pandemia evidenciou  os problemas estruturais e carencias que arrastra o actual modelo de residencias en Galiza, denunciados  por familiares das persoas usuarias, organizacións sindicais e Consello de Contas, desde hai anos.

Denuncias, lembrou  que xiran arredor dos incumprimentos reiterados polas empresas que xestionan a maior parte destes centros , 8 de cada 10 prazas de residencias en Galiza son privadas, especialmente a respecto das ratios de persoal e da atención que reciben as persoas usuarias.

A sociedade galega pide “un cambio de modelo” que garanta o dereito a unha vellez digna e o único que vemos por parte da Xunta é “propaganda” e ningunha vontade política para que as cousas muden, afirmou.

Galiza precisa máis poder político e capacidade para decidir ante os novos retos

Por outra banda, o BNG tamén defenderá  unha Proposición non de  Lei para reclamar a transferencia a Galiza das competencias, en materia de Tráfico e Seguridade viaria. Hai apenas dúas semanas conmemorábase o 40 aniversario do Estatuto de Autonomía, vimos e escoitamos moitos golpes de peito falando de autogoberno pero “hai 12 anos que este país non recibe unha competencia nova, nin sequera as previstas no Estatuto de 1981”, recalcou a deputada.

Ese é o balance dos gobernos de Feixóo, “cero competencias” a pesar da frase á súa chegada á Xunta cando afirmou, “iniciaremos a fase  de maior autogoberno de Galiza”. Para a nacionalista, un novo exemplo de “moito ruído e poucas noces” aos que nos ten acostumadas o Partido popular.

Galiza precisa máis poder político, máis capacidade de decisión para enfrontar os retos presentes e futuros por iso, dixo Rodil,  interpelaremos ao goberno  sobre as transferencias pendentes e a posición da Xunta de Galiza ao respecto.

Medios para fortalecer e mellorar  á  Atención Primaria

Outro dos asuntos que levará a pleno o BNG é o referido a Atención Primaria. Demandamos, indicou Rodil, reforzar a Atención Primaria con máis medios, persoal e investimentos. Neste sentido, amosou o apoio do BNG  ás concentración convocadas pola Plataforma SOS, Sanidade Pública para reclamar “a recuperación da atención presencial”, o reforzo de persoal e orzamentos para defender o “dereito á saúde cunha sanidade pública e forte”.

Hoxe, engadiu, hai lista de agarda mesmo para unha consulta telefónica ao tempo que a Xunta lanzaba “anuncios tramposos” e de última hora,  absolutamente “insuficientes” para paliar as enormes listas de espera e  reforzar a base do sistema da Atención Primaria.

“Eses 15 millóns de euros que anunciou a Xunta non chegan para resolver os problemas que ten a sanidade galega e danada polo continuos  recortes e  precariedade que trouxo o Partido Popular”, concluíu

 

BNG reclamará no vindeiro pleno un novo modelo de residencias, a transferencia de Tráfico e Seguridade viaria e o reforzo da Atención Primaria