Parlamento Galego

BNG reclamará no Pleno medidas extraordinarias e urxentes para facerlle fronte á emerxencia por violencia machista

Luís Bará
Luís Bará

Bará critica o veto do PP á comparecencia de Rueda para render contas pola súa “deplorable” actuación e a de todo o seu goberno no caso Villares

A situación límite na que o PP deixa a sanidade no verán, a censura que quere impor nas aulas e o SAF, entre os temas que o Bloque leva a Pleno

O BNG reclamará no Pleno da vindeira semana medidas extraordinarias e urxentes para facerlle fronte á situación de emerxencia por violencia machista que se está a rexistrar no País, con dous asasinatos a mulleres en menos de quince días e varios intentos de feminicidio.

“Logo desta escalada de agresións machistas e feminicicios (de confirmarse oficialmente o da Coruña sería o terceiro este ano) é o momento de actuar con firmeza e adoptar medidas extraordinarias. Non podemos normalizar esta situación”, advertiu o coordinador do Grupo do BNG, Luís Bará, na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, na que se fixou a orde do día do próximo Pleno.

Un Pleno no que a forza nacionalista reclamará, entre outras medidas, a creación dun comité de crise que avalíe e decida que medidas urxe adoptar para protexer ás mulleres, logo de constatarse importantes fallos no sistema Viogén ou, segundo explicou Bará, na xestión das ordes de afastamento o incluso de ingreso en prisión dalgún dos agresores.

A violencia machista centrará tamén a intervención da portavoz nacional na sesión de control ao Goberno. Ana Pontón preguntará a Rueda se considera que o seu Goberno está actuando con contundencia contra a violencia machista. Unha pregunta escollida tras vetar de novo o PP a comparecencia do presidente da Xunta para render contas ante as galegas e os galegos pola súa “deplorable actuación” no caso Villares, “poñéndose escandalosamente do lado do presunto agresor sexual, abrazándoo, aplaudíndolle e practicamente declarándoo inocente”, manifestou Bará.

O segundo gran bloque temático do BNG no Pleno estará relacionado coa defensa dos servicios públicos esenciais, a comezar pola sanidade, que este verán volverá a vivir “unha situación límite” polos recortes do PP. “Non é o momento de pechar camas, nin de pechar centros de saúde ou reducir horarios de atención aos doentes, senón de reforzar o persoal especialmente naquelas vilas onde hai incremento de poboación nestes meses”, advertiu o deputado nacionalista, reprobando ao Goberno de Rueda que actúe como “comercial da sanidade privada” cunha “estratexia de recortes na sanidade pública”.

O BNG interpelará ao conselleiro de Sanidade sobre esta cuestión e, tamén, sobre a situación “extremadamente critica” que se está a vivir na Mariña, “un dos epicentros do grave deterioro da sanidade pública” derivado das política do PP.

Xusto cando se cumpre un ano desde que a titular de Política Social anunciara un incremento das partidas para a Axuda no Fogar, o Bloque levará tamén a debate no Pleno o financiamento deste servizo, que está comprometendo as contas de moitos concellos galegos. A proposta nacionalista pasa, neste sentido, por incrementar ata os 20 euros por hora a cantidade que reciben os concellos polo SAF.

Dereitos Lgtbi no ensino

Tamén en relación aos servizos públicos e aproveitando a celebración do Día do Orgullo (28 de xuño), o grupo parlamentario nacionalista defenderá unha proposición non de lei de defensa dos dereitos das persoas Lgtbi no ensino na que demandará que se faga un estudo da situación deste colectivo nas aulas, un plan de formación para todo o persoal do ensino e unha guía de actuación para previr condutas Lgtbifóbicas.

Sen saír do ámbito da Educación, anunciou Bará, o BNG formulará outra pregunta no sobre “o control ideolóxico, a censura e o amedrentamento” que a Consellería quere impoñer nas aulas baixo unha pretendida neutralidade ideolóxica que en realidade é, destacou, “unha medida coercitiva e disuasoria para impedir que os centros de ensino sexan o espello de debates e de problemas que se dan na sociedade, como Altri, a situación da nosa lingua ou a masacre de Palestina”.

Conivencia co “estado terrorista” de Israel

Precisamente, a través doutra PNL, o BNG defenderá no Pleno a reprobación da “conivencia  da Xunta en mans do PP co estado terrorista de Israel mentres se perpetra en directo o masacre do pobo palestino”. Bará xustificou esta iniciativa porque “é indigno e indecente que o Goberno da Xunta e deste Parlamento reciban ao máximo representante do Estado de Israel, mostrando unha actitude de simpatía e de conivencia sen dignarse nin tan sequera a facer unha mención crítica sobre o xenocidio do pobo palestino en Gaza”.

Reforma do Estatuto e concerto económico

Entre os temas de maior relevancia no Pleno figura tamén unha proposición de lei para a reforma do Estatuto co obxectivo de establecer en Galiza un sistema de concerto económico que permita mellorar o financiamento dos servizos públicos e, polo tanto, a calidade de vida dos galegos e as galegas, subliñou Bará.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG