Senado

BNG reclamará garantías de conexión para o rural galego afectado polos lumes ante a situación de incomunicación actual

Carme da Silva
Carme da Silva

Carme da Silva leva ao Senado a situación de incomunicación nos municipios galegos afectados polos incendios

A moción do BNG demanda que o Goberno obrigue ás operadoras a completar a cobertura ao 100% dos fogares do rural

A senadora do BNG, Carme da Silva, defenderá na Comisión de Transformación Dixital da vindeira cuarta feira, 17 de decembro, unha moción destinada a dar resposta aos graves problemas de conectividade que padecen numerosos concellos da Galiza após a vaga de lumes da pasada época estival. A iniciativa do BNG céntrase en reclamar do Goberno medidas urxentes para restaurar con garantías os servizos de internet e telefonía móbil e en acelerar a extensión da banda ancha ao conxunto do territorio galego.

A moción presentada polo Bloque incide especialmente na situación de concellos como Trives, Manzaneda, A Mezquita ou Chandrexa de Queixa, onde os incendios afectaron de maneira directa ás infraestruturas de fibra óptica e telefonía, deixando meses despois a centos de persoas con conexións provisionais, interrupcións constantes e dificultades para desenvolver actividades básicas como trámites administrativos, teletraballo, servizos bancarios ou teleasistencia.

As medidas do BNG que reclama pór en marcha ao Goberno

Por unha parte, o BNG pide ao Goberno do Estado exixir ás operadoras que solucionen de maneira urxente e fiábel os problemas de conexión e cobertura nos municipios afectados polos lumes, onde os cables e a fibra óptica quedaron danados.

“O executivo debe adoptar medidas para evitar a incomunicación das poboacións afectadas e garantir o acceso aos servizos esenciais mentres non sexa restablecida a rede definitiva” defenderá a iniciativa do BNG.

Así mesmo, Carme da Silva pide ao Goberno que negocie coas operadoras que completen o despregamento da fibra óptica até alcanzar 100% dos fogares do rural galego, asegurando o cumprimento dos obxectivos do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais de Banda Ancha.

“Débese actuar xa e garantir a cobertura”

A senadora do BNG advirte que “non é aceptábel que, meses despois dos incendios, haxa familias e empresas que sigan con conexións precarias, cortes constantes e nula información por parte das operadoras”. Da Silva insiste en que “as telecomunicacións son hoxe un servizo básico, imprescindíbel para vivir, traballar ou acceder a servizos esenciais; non pode haber cidadáns de primeira e de segunda por vivir no rural”.

Tamén sinala que “o Goberno debe actuar con contundencia: as operadoras recibiron fondos públicos e teñen que garantir a cobertura, a calidade e o acceso universal, tal e como marca a lei”. Do mesmo xeito, engade que, para o Bloque, “non cumprir no rural galego cos obxectivos de banda ancha significa condenar estas zonas ao illamento dixital e demográfico”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG