O Bloque Nacionalista Galego anuncia o rexistro de iniciativas nas Cortes do Estado para reclamar ao Goberno solucións inmediatas ante os graves problemas de seguranza viaria e deterioro da N-550 ao seu paso por Pontecesures. A iniciativa, anunciada pola senadora do BNG, Carme da Silva, urxe o Ministerio de Transportes a actuar con urxencia nunha vía chave que afecta directamente á vida diaria da veciñanza de Pontecesures.
“As principais eivas da N-550 ao seu paso por Pontecesures afectan a dous estados fundamentalmente: os problemas de seguranza para os peóns e o propio estado da infraestrutura” sinala a alcaldesa de Pontecesures. Maite Tocino lembra que o Concello xa ten demandando en diversas ocasións ao Ministerio de Transportes, carteira titular da infraestrutura, o seu compromiso para a instalacións de elementos que permitan mellorar a seguranza viaria e o arranxo integral da estrada ante o estado actual do pavimento.
A alcaldesa pon o foco nun dos treitos máis preocupantes da estrada, onde a situación resulta especialmente alarmante. O tramo que máis preocupa, segundo exemplifica Tocino, é o comprendido entre o punto quilométrico 85 até o 86. “Non está habilitado nin un só paso de peóns neste tramo e obriga as persoas que se queren desprazar a zona comercial e de servizos cruzando a N-550 sen as medidas de seguranza necesarias para garantir a súa integridade” denuncia Maite Tocino.
O BNG advirte que esta realidade supón un risco constante para a cidadanía, especialmente nunha contorna urbana onde a mobilidade peonil debería estar plenamente garantida, recordando que nesa zona hai unha parada de autobús sen habilitar e nunha zona sen medidas de seguranza.
Ante esta situación, a senadora nacionalista Carme da Silva anuncia que o BNG rexistrará iniciativas parlamentarias para demandar explicacións e actuacións concretas por parte do Goberno central.
“Non pode ser que nunha vía urbana como esta, aínda que sexa unha estrada, haxa tramos de até 800 metros onde as persoas non poidan cruzar dun lado ao outro para facer as actividades propias dun espazo urbano” afirma Carme da Silva.
A senadora nacionalista insiste en que a situación actual é “inaceptábel” e “insostíbel” e require unha resposta inmediata por parte do Ministerio de Transportes, tanto no que respecta á creación de pasos de peóns seguros como ao acondicionamento integral do firme.
Segundo a senadora nacionalista, o BNG exixirá ao Ministerio a responder estas demandas que a veciñanza e o Concello de Pontecesures están a realizar. A organización subliña que continuará empregando todas as vías institucionais ao seu alcance para garantir que Pontecesures conte cunha infraestrutura viaria segura, moderna e adaptada ás necesidades reais da súa poboación.