Parlamento Galego

BNG reclámalle a Educación un protocolo de comunicación e actuación en casos de emerxencia como o do apagamento

Cristina Fernández
Cristina Fernández

Cristina Fernández critica o “caos e a confusión” que xeraron entre as familias e o persoal dos centros as mensaxes contraditorias da Consellería

A portavoz de Educación do BNG no Parlamento, Cristina Fernández, reclamou o Goberno do PP que elabore un protocolo de comunicación e actuación en casos de emerxencia como foi o do apagamento ocorrido o pasado 28 de abril. Un protocolo, asegurou, que sirva tamén ante eventuais casos de catástrofe para ter informada debidamente a toda a comunidade educativa “en tempo e forma”, evitando o “caos e a confusión” que viviron as familias e o persoal dos centros educativos por mor da xestión da Xunta ante a caída da subministración eléctrica.

Nunha pregunta ao Goberno formulada na Comisión 4ª da Cámara, a deputada nacionalista pediu ademais o PP que “asuma a súa responsabilidade” pola “descoordinación” na información facilitada ás familias e os centros, con mensaxes contraditorias emitidas con apenas doce horas de diferencia. “Ante a súa inoperancia, volveron deixar a xestión da situación de crise como unha función máis das dirección dos centros educativos”, criticou.

“O profesorado e as direccións dos centros escolares, xa teñen funcións de abondo para ter que estar facendo o traballo de altos cargos da Xunta de Galiza, que precisamente cobran para iso, para tomar as decisións axeitadas en cada momento, cos informes e o asesoramento preciso para cada situación e circunstancias”, engadiu sobre esta cuestión.

A deputada do BNG fixo un repaso pormenorizado polas ordes e contraordes que recibiron  familias, o que fixo que o martes 29 só un 2,5 % do alumnado asistise aos centros de ensino no medio dunha “confusión” que se ampliaba ás direccións e ao profesorado, “que non tiñan claro se debían recoller ao alumnado que chegaba ou debían permanecer pechados”.    

Cristina Fernández referiuse ao anunciou “de catro liñas” feito este  mesmo luns, tralo Consello da Xunta, sobre a posta en marcha de medidas para garantir o mantemento dos servizos básicos galegos no caso dun novo apagamento. “En realidade, se lemos con atención os protocolos propostos no ámbito escolar, non van máis alá dos recomendados para o nivel 3 de emerxencia polo propio goberno central hai uns días. De non telo planificado como corresponde a un goberno autonómico, só debían ter coñecemento dos protocolos estatais, pero tampouco foron quen de facelo”, expuxo.

A portavoz de Educación vencellou o ocorrido coa descoordinación entre administración e a “falta de lealdade institucional” do Goberno do PP, ao que acusou de querer aproveitar a situación do apagamento para “crearlle un problema maior ao goberno do Estado”, seguindo as directrices de Génova de aceptar o nivel 3 de emerxencias e renunciar á xestión da crise dende Galiza.

“Debérase ter dado prioridade ao benestar e protección do alumnado, do profesorado e das familias e para iso, sen coñecer o alcance real do apagamento, deberan ter remado todos no mesmo sentido. En lugar diso, o que fixeron foi aproveitar a situación de xeito partidista para enfrontar unha vez máis co executivo central”, censurou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG