O portavoz de Transportes do BNG, Paulo Ríos, reclama ao Goberno do PP na Xunta que poña todas as prazas de transporte público por estrada necesarias, así como máis autobuses, para evitar que os usuarios e usuarias se vexan obrigados a percorrer distancias moi importantes de pé, por falta de asentos.
“Non podemos permitir que un servizo de transporte esencial como é o transporte por estrada supoña un risco para a seguridade das persoas”, advirte o deputado nacionalista, que asegura ter constancia de que esta práctica se dá incluso en tramos por autoestradas e autovías. Ademais, engade, hai liñas nas que se están superando os quilómetros por hora indicados pola Xunta.
O deputado sinala que o BNG leva semanas traballando con diferentes usuarios e usuarias do transporte público por estrada, recollendo situacións que se están a dar ao longo e ancho do País por falta, non só de prazas nos vehículos, senón tamén por falta de autobuses.
Advirte Ríos que a Xunta, que —lembra-— ten a competencia do servizo público de transporte por estrada no noso País, está a “vulnerar a seguridade” dos viaxeiros e viaxeiras e por iso entende que “este problema ten que atallalo” o Goberno de Rueda.
“Non nos valen as escusas que nos dá a Xunta de Galiza”, recalca, en referencia a que o Goberno galego se ampara nunha lexislación obsoleta, do ano 2003, que avala a posibilidade de realizar a viaxe de pé sempre que sexan traxectos cursos e non superen os 80km/h.
Empraza o Executivo de Rueda a elaborar unha lei propia que regule este tipo de situacións dun xeito adaptado á realidade actual, toda vez que os usuarios e usuarias están a informar que estes condicionantes que permite a lei non se están a cumprir.
É por iso que a formación nacionalista vén de rexistrar unha serie de iniciativas no Parlamento para pedirlle ao Executivo do PP que responda ante uns feitos que o Ríos considera de “enorme gravidade”.
O BNG denuncia que, coa chegada do Plan de Trasporte da Xunta de Galiza, foron moitas as queixas e os incumprimentos de contrato, tales como atrasos inxustificados, superación da idade máxima nos vehículos incluídos nas licitacións, falta de vehículos, ou falta de prazas, con efectos directos nas persoas usuarias, como é o feito de ter que ir de pé nun autobús en distancias longas.
Para o BNG, o transporte colectivo debe xogar un papel fundamental na Galiza do futuro. É necesario poñer o transporte público, tanto por estrada como por ferrocarril, ao servizo da pobo galego e ao servizo da vertebración do territorio.