A portavoz de Mar do BNG, Rosana Pérez, subliña a preocupación do sector marisqueiro en Galiza, “en horas baixas” e con escaseza dos produtos que máis se demandan en Nadal, ao tempo que se ten que enfrontar a un furtivismo en aumento. Unha práctica delitiva que non só se dá nas rías galegas, xa que, segundo indicou Pérez, tamén entran en Galiza produtos de países foráneos, como o veciño Portugal, onde a captura ilegal de marisco adquiriu tal dimensión que vén de ser punto de atención no seu Parlamento.
É por iso que a deputada nacionalista anuncia que levará a Pleno da semana que vén unha interpelación para pedirlle á Consellería máis controis nestas datas nas prazas de abastos, nas depuradores ou nos locais de hostalaría “para reducir ao máximo a posibilidade de entrada de produtos do mar de dubidosas garantías sanitarias e para evitar que se devalúe o produto galego”, ao venderse como marisco de aquí o que non o é.
Sinala que Galiza, como país veciño de Portugal e con relacións en moitos e importantes ámbitos sociais, culturais e económicos, debera prestar especial atención ao diálogo e ao fomento da colaboración mutua neste asunto e adoptar as medidas necesarias para reducir as consecuencias que ten a actividade ilegal na pesca e no marisqueo.
Pérez empraza ademais o Goberno galego a “dar máxima preferencia á promoción dos produtos galegos do mar” e a “desenvolver campañas para que a cidadanía se converta nun axente activo contra o furtivismo”.
“É evidente que a actividade furtiva non desapareceu das nosas rías, moi ao contrario, nos momentos de maior crise do sector marisqueiro, é precisamente cando tamén parece incrementarse a actividade ilegal”, advirte.
Lembra que, malia que os controis e decomisos de peixe e marisco furtivo aumentaron no que vai de ano con respecto a 2024, a propia Consellería do Mar, Gardacostas de Galiza ou as confrarías, tiveron que chamar á colaboración cidadá no seu combate contra o furtivismo este mesmo verán.
Sinala que, mentres a produtividade das rías galegas descendeu dun xeito dramático, as importacións doutros países, tamén de Portugal, medraron significativamente.
Recorda neste sentido o decomiso este verán de 7.000 quilos de ameixa xapónica contaminada e non apta para o consumo humano, extraída en Portugal e incautada en Huelva, ou as partidas de berberecho, tamén portugués, que chegaran a Galiza en 2021 e que tiñan como destino as principais conserveiras do noso País, o que activou incluso o Sistema de Alerta Rápida para os Produtos Alimenticios e Pensos (RASFF) da Unión Europea.
A portavoz nacionalista do Mar advirte que a procedencia do marisco de zonas pechadas ao marisqueo “debe acender todas as alarmas” e poñer en garda os axentes implicados para “garantir tanto a orixe, a trazabilidade, como todas as condicións sanitarias” que deben cumprir estes produtos antes de chegar ao consumo.
É por iso que o BNG, diante desta situación, considera máis importante ca nunca redobrar os esforzos contra o furtivismo e contra a importación de produtos do mar obtidos de xeito ilegal e en dubidosas condicións laborais, pero sobre todo, sanitarias.