BNG reclama á Xunta que non se desentenda e se involucre na negociación colectiva da conserva para acadar un acordo

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez urxirá ao Goberno galego no Parlamento a poñer os medios necesarios para rematar coa discriminación salarial de xénero no sector

O Bloque apoia a folga convocada para mañá venres ante a perda de poder adquisitivo das traballadoras e traballadores mentres a industria aumenta beneficios

Propón impulsar de cara ao futuro dun convenio sectorial de ámbito galego

BNG vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta a involucrarse activamente para que se poda conseguir un acordo o antes posible nas negociacións do convenio da conserva, comezando por realizar unha rolda de contactos coas partes negociadoras do mesmo.

De igual xeito, reclama ao Goberno galego que despregue todos os seus medios e recursos para que as actuais negociacións do convenio rematen definitivamente coa discriminación salarial de xénero agochada na segregación por sexos dos postos de traballo e as diferenzas retributivas entre persoal de produción, maioritariamente feminino, e o persoal de oficios, maioritariamente ocupado por homes.

Para a portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, resulta “totalmente inxustificable que a Xunta se desentenda e non mova un dedo para tratar de mellorar os dereitos laborais máis básicos de case 12.000 persoas en Galiza, das que máis de 9.500 son mulleres”.

Neste sentido, Pérez traslada o apoio do BNG á folga convocada polos sindicatos maioritarios no sector para mañá venres “porque non ten explicación que, a estas alturas, o convenio teña que seguir negociándose en Madrid, a pesar de que máis do 80% das industrias conserveiras de todo o Estado están en Galiza”, polo que na batería de iniciativas que defenderá na Cámara tamén reclamará ao Executivo do PP que promova, de cara ao futuro, un convenio da conserva de ámbito galego.  

A deputada nacionalista recalca que “o que tampouco ten explicación en pleno século XXI” é que sigan pendentes reivindicacións históricas como “a de desterrar definitivamente a discriminación salarial que se da nun sector formado maioritariamente por mulleres e que na práctica supón, por exemplo, unha diferenza de 850 euros ao ano entre as auxiliares de conserva mulleres e os axudantes homes”.

O Bloque recorda que o sector conserveiro foi un dos poucos que saíu beneficiado durante a pandemia polo carácter esencial dos seus produtos, incrementando as súas exportacións nun 15%, segundo os propios datos de ANFACO, e que recibe dende hai anos millóns de euros en subvencións públicas, cun forte apoio do Goberno galego que, só neste ano 2022, incrementou nun 28% os seus orzamentos destinados á mellora da comercialización e apoio no investimento das industrias de transformación e comercialización, acadando os 27 millóns de euros e sendo unha das partidas orzamentarias máis importantes de toda a Consellería do Mar, que tamén estende este apoio á elaboración, por medios propios a través do CETMAR, dun plan estratéxico para o sector das conservas, peixes e mariscos de Galiza para os anos 2022-2030 e que será cofinanciado por fondos europeos.

Para a formación nacionalista, este poderoso apoio público que recibe o sector non se traduce na mesma medida en melloras laborais para os e as traballadoras, nun 80% mulleres, chegando a supor nalgunhas das comarcas costeiras do País o 40% de todos os contratos femininos -pese ao que non se da rematado, dunha vez por todas, coa fenda salarial de xénero- e cun empresariado que pretende un convenio de cinco anos, con incrementos salariais que van dende o 0,5% ao 3%, pero sen contemplar cláusulas de revisión anual do IPC. Unha proposta que o BNG considera inasumible para a parte social porque só no ano 2021 o IPC acadou case o 6% e “non ten explicación que a perda de poder adquisitivo dos e das traballadoras continúe mentres as empresas aumentan de maneira importante as súas vendas”.   

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG