Parlamento Galego

BNG reclama á Xunta que manteña o reforzo médico do PAC de Noia os domingos e festivos no seu horario íntegro

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez critica os recortes do Goberno do PP que derivan nunha calidade asistencial cada vez máis deficiente na localidade e na comarca

Urxe a Sanidade a dotar a zona cunha nova ambulancia, máis tendo en conta o incremento da poboación durante os meses de verán 

A deputada nacionalista Rosana Pérez reclamou á Xunta no Parlamento que manteña no PAC de Noia o reforzo dun terceiro facultativo os domingos e festivos, en horario de 08 h a 22 h e non de 10 h a 15 h como estableceu a Consellería de Sanidade, e que dote a zona de cando menos unha nova ambulancia, diante da “infradotación” e “precaria situación” na que se atopan a localidade e o conxunto da comarca no ámbito sanitario.

Pérez indicou na comisión parlamentaria de Sanidade que no centro de saúde noiés funcionaba o PAC en horario de 15 h da tarde a 08 h da mañá os días laborables, mentres que os domingos e festivos desenvolvía a súa actividade as 24 horas, cun reforzo médico, é dicir, un terceiro facultativo, de 08 h da mañá a 22 h da noite.

Un PAC que atende a poboación de tres concellos (Noia, Lousame e Outes) e parte da doutro, o de Porto do Son, que tiña un servizo de urxencias os sábados, domingos e festivos, pero que a Xunta eliminou durante a pandemia e nunca máis volveu abrir, de xeito que parte da cidadanía pasou a ser atendida en Noia e parte en Ribeira, lembrou.

Pérez explicou que a Consellería de Sanidade modificou en xaneiro deste ano o servizo e o cadro de persoal do PAC de Noia, é dicir, “suprimiu persoal, porque a consellería nunca modifica para ben”, eliminando o reforzo médico que existía os domingos e festivos de 08 a 22 h, que se veu a sumar á eliminación das urxencias en Porto do Son.

“O resultado destes recortes é unha calidade asistencial cada vez máis deficiente en Noia e en toda a comarca”, denunciou, para criticar a continuación que, logo dun tempo nesta situación e dada a insistencia das e dos profesionais do centro, a Xunta “tivo a ben conceder de novo o reforzo médico para os domingos e os festivos no PAC de Noia, pero só de 10 h da mañá a 15 h da tarde”.

Unha decisión que evidencia, afondou, como “na tónica xeral de recortes, de improvisación continua e de falta absoluta de planificación, a consellería suprimiu un servizo necesario que se prestaba durante 14 horas os domingos e festivos e substituíno por outro que se presta durante cinco horas”.

Nove horas menos de reforzo para a mesma poboación e con menos servizos servizos para o conxunto da comarca, denunciou a deputada do BNG, quen advertiu da situación actual no centro de saúde de Noia polas tardes, que conta con só dous facultativos, do que un está de baixa de longa duración, o que incrementa a asistencia ao PAC.

“E ademais, non se cobren as baixas e a consellería obriga ao persoal a facer horas extras até facer incumprir os límites que marca a lei e até a extenuación dos facultativos que quedan, pero logo, como sempre fai o conselleiro, quéixanse de que non hai médicos”, criticou ao PP. “O problema non é que non haxa médicos, o problema é que a Consellería de Sanidade bota aos médicos, os expulsa precisamente a base de mantelos nunhas condicións absolutamente insoportables”, sintetizou.

Na súa iniciativa, Pérez tamén reclamou a dotación da zona de cando menos unha nova ambulancia, xa que as que hai agora en Noia e a comarca son “absolutamente insuficientes”, máis tendo en conta que entramos no verán, co considerable incremento de poboación que supón a época estival nesta zona costeira.

“Conta cunha soa, unha soa ambulancia dispoñible con base en Noia para atender a todos estes concellos, e dos que só quedan excluídos os lugares do concello de Porto do Son máis próximos a Ribeira”, recalcou.

Unha soa ambulancia para toda a zona que, cando hai urxencias graves, medicalízase por riba co propio persoal do PAC de Noia, diminuíndo aínda máis este persoal, polo que insistiu na necesidade de restituír o reforzo do terceiro facultativo neste centro, no horario completo co que estaba inicialmente, de 08 h a 22 h. Pese aos argumentos da deputada nacionalista pola comarca, a iniciativa non prosperou polo veto do PP. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG