parlamento galego

BNG reclama á Xunta que cumpra os seus compromisos con Bueu sobre a reforma integral da rúa Fontenla e o PP vota en contra

Paulo Ríos
Paulo Ríos

Paulo Ríos denuncia o grave deterioro do saneamento a pesar de que a Xunta recada en Bueu 200 mil euros polo canon da auga

O deputado do BNG, Paulo Ríos defendeu unha proposición non de lei co fin de reclamar á Xunta que cumpra os seus compromisos con Bueu e inicie a “reforma integral” da rúa Fontenla, principal arteria do concello.

Na defensa da iniciativa, Ríos sinalou que dende hai anos, o  concello de Bueu leva  advertido do mal estado dunha das  principais arterias do casco urbano cun grave deterioro no pavimento, baldosas levantadas nas beirarrúas,  servizos de abastecemento e saneamento “obsoletos” ao que sumou os risco de vertidos ás canles fluviais.

En opinión do deputado, a Xunta, titular desta infraestrutura debe acometer as obras necesarias comprometidas co concello de Bueu, a través dunha “reforma integral” para favorecer a seguridade vial e o benestar das usuarias e usuarios que transitan pola rúa Pazos de Fontenla.

Paulo Ríos insistiu en que resulta urxente actuar sobre o saneamento e a infraestrutura e considerou que parte da cantidade recadada no concello co canon da auga, 200.000 euros, ao ano e considerou que unha parte desta cantidade  pode ser investida nas melloras da rúa de Pazos de Fontenla.

É certo que a Xunta de Galiza realizou investimentos recentes no Concello de Bueu, como a mellora da seguridade viaria e humanización de zonas de carácter interurbano, pero a  reforma da rúa Pazos Fontenla é unha reclamación que continua sen resolver a pesar de seren unha estrada con intenso tráfico e tránsito de peóns. “É hora de que a Xunta de Galiza cumpra cos seus compromisos e as súas responsabilidades, e que realice  a reforma integral da rúa pazos Fontenla”.

Tras a intervención do portavoz popular José Manuel Balseiro  que recoñeceu todas as eivas enunciadas polo deputado do BNG pero anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista, o parlamentario do BNG afirmou que o Partido popular, unha vez máis, constata que nos concellos nos que non goberna “non está disposto” a dar resposta ás reclamacións das corporacións municipais e da sociedade”. Para o deputado, o PP volve a colocarse de perfil para non comprometerse a cumprir cos compromisos adquiridos co concello de Bueu. Rios replicou que Bueu non pode asumir de maneira unilateral   a  reforma integral da rúa e pediu  vontade política a Xunta para acometer as obras porque “si quere, pode facelo”. 

O deputado nacionalista  reiterou que o BNG seguirá reclamando as melloras da rúa Pazos Fontenla e recalcou  que a Xunta ten capacidade para iniciar as obras pero non “a vontade de facelo”. Ríos tamén argumentou que as obras non son “unha cuestión competencial” e si o PP tivera “vontade política” as obras levaríanse adiante. “O PP está castigando ao concello de Bueu” porque o goberno municipal non é do Partido popular. Resulta “unha mágoa” que o PP persista en castigar ao concello de Bueu e a súa veciñanza, concluíu.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG