Parlamneto Galego

O BNG reclama á Xunta un plan de choque inmediato ante o impacto da COVID19 e axudas directas para autónomos e PEMES

Noa Presas
Noa Presas
A deputada Noa Presas advertiu que “xa estamos nunha situación de emerxencia social e económica” que esixe medidas urxentes

O BNG reclamou hoxe á Xunta a posta en marcha dun plan de choque con medidas sociais e económicas inmediatas para combater o impacto da COVID19 e a articulación dunha liña de axudas directas para autónomos e PEMES na segunda vaga da pandemia.

Así o pediu esta mañá ante o Pleno do Parlamento galego a deputada Noa Presas, quen advertiu que “a crise xa está aquí” e esixe respostas urxentes, ao tempo que criticou as liñas xerais de actuación presentadas polo titular de Facenda, Valeriano Martínez, para a súa consellería. “Mencionou a pandemia, pero a pandemia non pasou polas súas liñas de traballo; seguen vostedes deixándose levar pola inercia e levan oito meses evadindo responsabilidades”, asegurou.

Presas afeou ao Goberno galego que “se poña de perfil” ante un contexto que coloca a “milleiros de galegos e galegas ao borde do precipicio” e se escude no “sempre hai quen está peor” cando os informes de distintos organismos e entidades revelan que “hoxe xa temos unha situación de emerxencia social e económica”. Por iso, censurou a falta de propostas concretas nas liñas de actuación da Consellería de Facenda e reclamou a posta en marcha de medidas urxentes.

Neste sentido, a deputada nacionalista criticou o novo Plan Estratéxico do que, segundo dixo, “é unha nota de prensa”, e recordou que xa o anterior plan non cumpriu os seus obxectivos: “nel prometíase a creación de 100.000 empregos e antes da pandemia non chegou a 40.000. Cal é a súa credibilidade?”, reflexionou.

Dende o compromiso dunha oposición construtiva neste momento de urxencia, Presas ofreceu o consenso do BNG para incluír nos próximos orzamentos tres cuestións que considera de especial relevancia e que pasan, primeiro, polo fortalecemento dos servizos públicos, nomeadamente sanidade e servizos sociais; segundo, polo impulso dun investimento público potente na economía e, terceiro, por unha aposta decidida pola ciencia e a innovación. “Acordemos unha folla de ruta para reforzar os servizos públicos, cubrir todas as vacantes de persoal, acabar coas privatizacións e impulsar un novo modelo que non deixe ninguén atrás”, propuxo sobre o primeiro.   

A deputada do Bloque tamén aludiu á necesidade de definir un novo modelo fiscal, incrementar as transferencias directas aos concellos no ámbito do financiamento local e definir con transparencia a posición da Xunta ante a negociación dos fondos europeos. Neste sentido, Presas pediu ao Goberno galego que concrete se a cifra á que aspira coincide coa cuantificada polo BNG en 12.600 millóns de euros, se pedirá a territorialización e a xestión directa dos fondos e se esixirá unha compensación polos fondos tradicionais recortados.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG