BNG reclama á Xunta no Parlamento que interveña para evitar o peche da oficina de Abanca en San Valentín, Fene

Mon Fernández
Mon Fernández
Mon Fernández alerta sobre o impacto da decisión en termos de emprego e servizos á cidadanía, nun barrio cunha media de idade elevada
BNG reclama á Xunta no Parlamento que interveña para evitar o peche da oficina de Abanca en San Valentín, Fene

O BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que interveña para evitar o peche da oficina de Abanca en San Valentín, no concello de Fene, polo impacto que supón en termos de emprego e servizos á poboación, nun barrio cunha media de idade elevada. O deputado nacionalista Mon Fernández instou ao Goberno galego a emprender todas as accións precisas neste sentido diante da dirección da entidade e a exercer as súas competencias exclusivas en materia de consumo para garantir que Abanca preste servizos bancarios de calidade, co persoal, instalacións e horario preciso, e que non supoñan a vulneración dos dereitos da poboación, en especial da máis vulnerábel.

Segundo advertiu Fernández, a veciñanza “leva pelexando contra o peche da súa oficina dende hai varios anos” ante a paulatina redución de servizos e persoal por parte da entidade financeira que “estivo preparando o mellor momento para realizar o peche e que chega coa pandemia e coa onda da dixitalización”.

Neste sentido, recalcou o contexto de “auténtico clamor social” ante o peche de oficinas bancarias por todo o país e, nomeadamente, ante o papel que xoga Abanca no escenario financeiro galego, logo do proceso de fusión das caixas, primeiro, e a posterior venta da entón denominada Novagalicia ao Banesco de Juan Carlos Escotet nunha operación que definiu como “un dos grandes pelotazos da historia do país e do Estado español”. A isto sumou os 3.022 millóns de beneficio acumulado entre 2014 e 2020, incluíndo os créditos fiscais, dunha entidade que “mantén unha política de expansión a través da compra doutras entidades bancarias de pequeno tamaño, mentres adelgaza a estrutura galega de oficinas e persoal”.

O deputado nacionalista recordou que Abanca pechou entre 2015 e 2020 52 oficinas, o 9% da súa rede e no 2020, en plena pandemia, e ata marzo do presente exercicio outras 61 oficinas, outro 11,53% da súa rede. “E nestes últimos meses van outros 15 peches máis; é dicir, o ritmo aumentou desmesuradamente dende a pandemia e segue a manterse”, alertou, para censurar a continuación que “ninguén poñerá en dúbida que a redución de emprego no sector en xeral e en Abanca en particular non ten nada a ver coa crise, senón cun cambio de modelo na prestación de servizos cara á dixitalización que redunda nun grave retroceso na prestación dun servizo esencial para a cidadanía galega, sobre todo para aquelas persoas con dificultades para realizar os trámites a través de medios dixitais”.

Fernández denunciou que “instalar caixeiros non resolve o problema, nin moito menos” e, nesta liña, considerou “escandaloso” que o Goberno do PP subvencione a instalación de caixeiros coa escusa de facilitar o acceso aos servizos bancarios. Fronte á actitude do Executivo de Feixóo de “darlles cartos públicos aos poderosos, na vez de facelo a pemes e autónomos e autónomas”, instou á Xunta a facer “o que debería facer de oficio pero non fai”: defender o dereito das persoas usuarias a dispoñeren dun servizo de calidade, é dicir, presencial” e, en paralelo, ser proactivo fronte ao Goberno central para reclamarlle unha regulación do sector bancario que evite a concentración e centralización, atenda as necesidades de financiamento da economía produtiva e asegure o acceso da cidadanía a servizos financeiros básicos próximos.

En definitiva, “defender o dereito de Galiza como país e como sociedade a contar cun sector bancario que cree emprego e riqueza no país” e no que unha entidade como Abanca debera xogar un papel proactivo tanto na prestación de servizos esenciais, como no ámbito laboral. Pese aos argumentos do deputado nacionalista, a iniciativa non prosperou polo veto do PP.

 

BNG reclama á Xunta no Parlamento que interveña para evitar o peche da oficina de Abanca en San Valentín, Fene