BNG reclama á Xunta que non se poña de perfil e interveña para parar o ERTE de Repsol na refinería da Coruña

Mon Fernández
Mon Fernández
Mon Fernández pide a colaboración do Goberno galego co estatal para deter un expediente que “hoxe é temporal e mañá pode ser definitivo”

BNG defendeu no pleno do Parlamento galego que a Xunta non se poña de perfil e promova de inmediato cantas accións resulten necesarias para lograr que Repsol renuncie á aplicación do ERTE anunciado na Refinería da Coruña.

O portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, recalcou que debe ser unha “prioridade absoluta” do Goberno galego parar o Expediente de Regulación Temporal de Emprego porque a comarca da Coruña “non pode permitirse máis perda de emprego industrial”. Neste sentido, advertiulle de que “non hai moito tempo de reacción e debe ser áxil porque as negociacións avanzan” e alertou de que o ERTE “hoxe é temporal, pero mañá pode ser definitivo”.

Fernández reclamou ao Executivo de Feixóo que exerza como Goberno que é de Galiza, pase á acción e colabore co Estado para paralizar o expediente regulador, algo que, segundo dixo, si pode facer Repsol “porque ten a necesaria capacidade de planificación estratéxica a medio e longo prazo; porque ten a capacidade financeira, organizativa e loxística; e porque conta con todo o apoio gobernativo que sempre tivo e que, agora -subliñou- sen dúbida tampouco lle vai faltar”.

A xuízo do deputado nacionalista, os gobernos deben esixir a todos os axentes económicos unha certa proporcionalidade nos esforzos para saír da crise, toda vez que se lles está a esixir tantos sacrificios a autónomos e autónomas e traballadores e traballadoras e pequenas empresas. “Sería inadmisible que aquelas outras, precisamente as máis grandes e con máis posibilidades, non contribúan na mesma medida”.

Fernández advertiu tamén dun dos “efectos máis perversos” da reforma laboral do PP e que o PSOE mantén vixente: “a retirada dos gobernos dos procesos de negociación dos expedientes de regulación de emprego é un disparate que aparece en toda a súa dimensión en casos como o de Repsol Coruña”, incidiu, para a continuación afear “a falta de preocupación” por parte dos executivos galego e estatal polo desenvolvemento destas negociacións e polas súas “graves consecuencias” para a comarca da Coruña.

“Como pode calquera goberno pretender, con credibilidade, pilotar unha reactivación económica e unha recuperación do emprego manténdose ausente dos procesos de negociación dos expedientes reguladores?”, cuestionou.

Así pois, apelou a ámbolos dous gobernos, sostidos por PP e PSOE, a poñerse “mans á obra con urxencia para protexer o emprego industrial na refinería e na comarca da Coruña” e insistiu en que a Xunta non se pode manter á marxe dun proceso coma este e debe colaborar coa Administración estatal para paralizar o ERTE. “E ademais tamén deben colaborar para conseguir de Repsol investimentos para a refinería, do mesmo xeito que existen xa investimentos comprometidos ou en marcha para Puertollano e Bilbao”, concluíu. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG