Parlamento Galego

BNG reclama á Xunta medidas para garantir os dereitos das persoas LGBT e, en particular, das persoas trans

Iria Carreira
Iria Carreira

Pide ao Executivo de Rueda que inclúa no curriculum a educación afectivo-sexual como materia obrigatoria para todo o alumando 

Recrimina ao PP que utilice as persoas trans como arma política cun discurso que vai claramente do “ganchete” coa ultradereita  

A portavoz parlamentaria de Dereito LGBT, Iria Carreira, reclamou á Xunta no Parlamento medidas para garantir os dereitos das persoas LGBT e, en particular, das persoas trans, tendo en conta o rearme da LGBTfobia e a transfobia, tal e como evidencian os últimos estudos neste ámbito de actuación.

Nunha pregunta ao Executivo na comisión parlamentaria de Política Social, Carreira advertiu sobre o aumento da transfobia na sociedade como así o demostran os datos da FELGTBI+: o 37,8% das persoas trans sufriron discriminación; o 35,6%, acoso; e o 26,7% foi agradida física ou sexualmente, é dicir, 1 de cada 4 persoas trans.

A estas cifras que cualificou de “alarmantes” -e nas que hai que ter en conta ademais a taxa de infradenuncia, que fica en porcentaxes moi altas- sumou as relativas á situación económica e laboral, cun 48% das persoas trans en risco de pobreza e con tres de cada 10 persoas trans con baixa intensidade laboral, é dicir, con só tres meses ao ano de traballo remunerado.

A deputada nacionalista fixo especial fincapé na preocupante situación que atravesan as crianzas e adolescentes trans no ensino, tal e como puxo de relevo Agareso nun informe de tan só hai un ano, no que denunciaba que o 81% do alumnado LGBT sufriu algunha agresión e o 69% do profesorado presenciou algunha vez agresións contra o colectivo. Así mesmo, un 33% do alumnado cishetero que participou no estudo recoñeceu non aceptar ás persoas trans.

Neste contexto, Carreira demandou “medidas urxentes” ao Goberno de Alfonso Rueda, por exemplo coa introdución no currículo escolar a educación afectivo-sexual, obrigatoria para todo o alumando e evidentemente adaptada a cada etapa educativa, cunha perspectiva científica, social e libre de dogmas para poder ter “persoas libres no futuro”.

A deputada do BNG criticou o “veto sistemático do Partido Popular” a esta medida, mesmo coa oposición manifesta do propio conselleiro de Educación, que así o fixo explícito nunha interpelación do Bloque na Cámara e, aínda que valorou que o Goberno do PP tomara nota dalgunhas propostas nacionalistas anteriores, advertiu que a LGBTfobia “está, vive, resiste e campa ás súas anchas” no ensino e tamén na sanidade, onde a formación impartida non chega a todas as profesionais.  

“Tamén é preocupante ver como o grupo político que sostén ao goberno da Xunta, responsábel de velar polos dereitos das persoas trans, utilice precisamente ás persoas trans como arma política, día si e día tamén”, denunciou en relación ao argumentario esgrimido polos populares, mesmo en sede parlamentaria, baixo o que afirman que a Lei 4/2023, a Lei Trans, é un retroceso para os dereitos das mulleres. “Poñer o foco nas mulleres trans como se elas fosen o verdadeiro perigo para o feminismo, nin é feminista, nin é defensa da igualdade; só é transfobia, pura e dura”, recriminou.

Nesta liña, Carreira criticou tamén o relato do PP en Madrid, que non ten problema algún en avanzar que “en canto cheguen á Moncloa, tumbará a Lei Trans”, nun discurso que “vai claramente do ganchete coa ultradereita”, sintetizou para rematar a súa intervención.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG